García Comesaña, sobre as demandas sanitarias dos alcaldes: "É un tema partidista, meramente político"

Pontevedra
19 de xaneiro 2023

O conselleiro de Sanidade criticou a convocatoria realizada polo alcalde de Pontevedra afirmando que, desde xaneiro de 2022, Lores non se puxo en contacto para tratar os problemas na área sanitaria. Segue reclamando que o Ministerio de Sanidad permita formar máis médicos especialistas de atención familiar

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade Mónica Patxot

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, visitaba este xoves o Hospital Provincial para acudir a un acto no que se destacaba que o Complexo Hospitalario Universitario conta coa primeira unidade acreditada no ámbito nacional para consulta monográfica de transtornos do movemento.

O responsable da sanidade en Galicia, a preguntas dos medios de comunicación, mostraba a súa sorpresa co encontro mantido por Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, con outros responsables municipais do distrito para tratar a situación sanitaria cando, segundo afirmou, o rexedor da capital non se puxo en contacto coa consellería desde xaneiro de 2022 para tratar os problemas que afectan os centros e hospitais da área.

"Nin unha soa chamada, nin comentario, nin pregunta", explicou o conselleiro en referencia á falta de diálogo con Fernández Lores. 

Lamentou que nas propostas do manifesto asinado por alcaldes e representantes do BNG e do PSdeG non se cite á responsabilidade que ten o Ministerio de Sanidade por inacción ao non convocar prazas de médico de familia, "que é o problema que temos en Galicia", insistiu. "É un tema partidista, meramente político", sinalaba acompañado polo xerente da área sanitaria José Flores.

García Comesaña asegurou que seguen traballando con intensidade para resolver o problema de facultativos e explicou que a pasada fin de semana e no que vai de semana cubríronse todas as quendas nos Puntos de Atención Continuada con médicos de familia.

"Temos incorporado a través do concurso especialistas de atención primaria con gardas no PAC" as ausencias de facultativos, iniciativa que contou co voto en contra do PSdeG-PSOE e do BNG, lembrou. Explicou que, desde a xerencia, están a buscarse solucións co reforzo do papel de enfermería ou a activación de mecanismos de derivación. 

Entende que a reunión de alcaldes e representantes municipais responde a unha cuestión política derivada da convocatoria da manifestación prevista para o 12 de febreiro en Santiago de Compostela. "Unha manifestación feita polo Bloque en primeira instancia e despois secundada pola Plataforma SOS Sanidade Pública", afirmou para sinalar "mentres eles sigan non ámbito político, a Consellería segue buscando solucións técnicas e pedindo ao Ministerio que cumpra coas súas competencias e nos deixe formar a máis médicos especialistas en atención familiar". 

REUNIÓN DO CONSELLEIRO COS ALCALDES

Sobre a reunión que manterá o vindeiro xoves 26 no edificio da Xunta en Campolongo á que convocou aos alcaldes da área indicou que tratará as medidas adoptadas na reunión do 6 de agosto de 2022 e que foron aceptadas polas persoas que asistiron en representación dos concellos, ademais das competencias de prazas en propiedade que se cubriron na área de Pontevedra ou que se está facendo cos MIR que finalizan ou coas novas prazas que Galicia incorpora.

Ademais, sinalou que tentarán responder a todas as cuestións técnicas que lles trasladen desde os distintos concellos.

En canto á petición realizada por Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, para que nesa reunión estea presente Alfonso Rueda, presidente da Xunta, García Comesaña contestou "por pedir, cada un pode pedir ou que queira. Iso demostra o ámbito político destas manifestacións" e continuou xa con ironía: "eu diría que viñera a ministra de Sanidad e o presidente de España, que diga o señor Sánchez por que, despois de catro anos de ter un acordo do consello interterritorial pedindo formar especialistas de medicina familiar, ningún dos ministros que pasou fixo nada", lamentouse o conselleiro de Sanidade.