García Comesaña accede a reforzar con médicos residentes "algúns PAC" do Salnés durante este verán

O Salnés
27 de xullo 2022

O conselleiro de Sanidade mantivo un encontro este martes con alcaldes da comarca do Salnés, preocupados pola situación sanitaria ante a falta de profesionais facultativos en Puntos de Atención Continuada (PAC) da contorna. Julio García Comesaña lembrou que en setembro se incorporarán once médicos de familia á área sanitaria

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade Xunta de Galicia - Arquivo

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, mantiña este martes un encontro con alcaldes da comarca do Salnés, que mostraran a súa preocupación pola situación sanitaria actual debido á falta de facultativos nos Puntos de Atención Continuada (PAC) desta zona, como veñen denunciando os profesionais sanitarios durante as últimas semanas.

O máximo responsable da sanidade en Galicia indicou que os representantes municipais comprenderan esa ausencia de médicos por vacacións e imprevistos pero manifestou que comparte a inquedanza por esta situación. 

Por este motivo, anunciou que desde a Consellería tentarán atender a estas demandas da poboación e tamén dos profesionais garantindo a presenza dun médico en cada un dos PAC. A eles sumarase un médico residente de medicina de familia (R4) nalgúns destes Puntos de Atención Continuada, tal e como se demandou por algún dos rexedores. Atoparanse, do mesmo xeito que sucede nos servizos de urxencias dos centros hospitalarios, baixo a supervisión e acompañamento do médico titular.

García Comesaña recoñeceu que continúa traballando na procura de facultativos e lembrou que a finais de setembro incorporaranse ao área sanitaria de Pontevedra-O Salnés once novos médicos dispoñibles na convocatoria de 106 que adquirirán praza en propiedade a través do concurso de méritos. Estes profesionais contarán con dous gardas, polo menos, ao mes nos PAC.

O conselleiro de Sanidade afirmou que manterá contacto cos alcaldes ao longo das próximas semanas e agradeceu o traballo da profesionais da área sanitaria e, en concreto, da comarca do Salnés.