Garanten un centenar de menús diarios a menores pontevedreses en situación vulnerable

Pontevedra
28 de xuño 2021

A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra aprobou este luns, nunha sesión de carácter extraordinario, o convenio de colaboración entre a Concellería de Benestar Social e Afundación Obra Social de Abanca para o desenvolvemento dun programa que permitirá proporcionar de xeito gratuíto durante o verán un centenar de menús diarios a menores en situación vulnerable

Comedor escolar Mónica Patxot

A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra aprobou este luns, nunha sesión de carácter extraordinario, o convenio de colaboración entre a Concellería de Benestar Social e Afundación Obra Social de Abanca para o desenvolvemento dun programa que permitirá proporcionar de xeito gratuíto durante o verán un centenar de menús diarios a menores en situación vulnerable. 

En base ao acordo do Concello coa entidade, os menús escolares serán distribuídos entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, cubrindo as necesidades de alimentación dos menores en base á información facilitada polos Servizos Sociais municipais.

Segundo constata o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, "este programa de intervención social en favor de persoas menores de idade foi posto en marcha por Afundación nas sete principais cidades galegas en resposta á situación derivada da crise da Covid-19 e ao agravamento dos casos de vulnerabilidade social e risco de pobreza". 

O Concello porá a disposición de Afundación puntos de distribución física dos menús e asignará un número a cada familia de maneira personalizada, de xeito que só se dea a coñecer ese número á empresa xestora dos menús, non transmitíndose ningún dato de carácter persoal e garantindo o anonimato das persoas usuarias. 

Pola súa banda, a Obra Social de Abanca proporcionarán unha cifra de ata 100 menús diarios durante todo o verán e efectuará labores de vixilancia e control dos menús escolares, garantindo a aplicación da normativa sanitaria vixente.