Galiwonders e Sembra Biojoyas triunfan nos premios AJE 2023

Marín
25 de novembro 2023

A gala da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra celebrábase, este venres, na Escola Naval de Marín. Galiwonders obtivo o premio Joven Empresario; Sembra Biojoyas recibía o galardón como mellor iniciativa emprendedora; Wildfire Sentinel lograba unha mención de honra á innovación e, por último, Chorima, Cosmética Atlántica, acadaba unha mención de honra á responsabilidade social empresarial

Premios AJE 2023 Concello de Marín

A gala da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE) celebrábase, este venres, na Escola Naval de Marín. 

A empresa Galiwonders,  unha axencia de viaxes especializada en peregrinos, obtivo o premio Xove Empresario. Sembra Biojoyas, unha marca de xoias sostibles, elaboradas por comunidades indíxenas do amazonas, a partir de elementos naturais e biomateria, recibía o galardón como mellor iniciativa emprendedora.

Pola súa banda, Wildfire Sentinel lograba unha mención de honra á innovación e, por último, Chorima, Cosmética Atlántica, conseguía unha mención de honra á responsabilidade social empresarial.

Ademais, a empresa Nodosa recibía o premio honorífico neste evento presentado polo escritor Manel Loureiro. 

Ao acto acudía, entre outras autoridades, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, que destacou o investimento que se realiza a través dos orzamentos provinciais para impulsar a actividade emprendedora na provincia e citou tamén as accións directas que a institución que preside desenvolve no campo da formación para fomentar a dixitalización.

Pablo Fernández, secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, tamén asistía a esta vixésimo sexta edición do Premio que organiza AJE Pontevedra e puxo en valor o convenio co colectivo que preside María Buceta por un montante de 180.000 euros para implementar medidas de asesoramento e tutorización para crear empresas. 

Neste sentido, lembraba que a provincia de Pontevedra albergará tres polos de emprendemento da Xunta de Galicia, situados en Vilanova de Arousa, Porriño e Silleda.