Galicia suspende as súas eleccións: "Loitar contra a pandemia é a nosa única ocupación", di Núñez Feijóo

Pontevedra
16 de marzo 2020

As eleccións autonómicas previstas en Galicia para o próximo 5 de abril serán suspendidas. Así o anunciou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, tras acordar cos partidos da oposición que, nestes momentos, non se dan as "garantías necesarias" para poder celebrar estes comicios

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia

As eleccións autonómicas previstas en Galicia para o próximo 5 de abril serán suspendidas. Así o anunciou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, tras acordar cos partidos da oposición que, nestes momentos, non se dan as "garantías necesarias" para poder celebrar estes comicios.

"Loitar contra a pandemia é a nosa única ocupación", sinalou Núñez Feijóo, tras a reunión que mantivo por videoconferencia cos líderes de PP, PSdeG-PSOE, BNG, Galicia en Común e Ciudadanos. Vox non respondeu, segundo a Xunta de Galicia, á invitación para participar neste encontro virtual.

A partir de agora, a Xunta de Galicia en colaboración co Estado deberá busca a fórmula xurídica que permita este aprazamento electoral e acordar unha nova data.

O titular do executivo autonómico sinalou que "para min xa estaban desconvocadas desde hai días" e explicou que "o único que falta" é executalo formalmente e articular esta decisión en base á lei.

En todo caso, o presidente galego recoñeceu que non pode concretar a data na que se poderían celebrar, xa que agora mesmo trátase de algo que está "fóra da axenda" e trátase dunha cuestión "secundaria" ante a loita sanitaria para frear a expansión do virus.

"Todo temos que estar a outra cousa", engadiu Núñez Feijóo, que explicou que todos os partidos coincidiron en que estas eleccións non se poden celebrar "en ningún caso".

Estas eleccións, en todo caso, non se poderán celebrar ata que termine o estado de alarma no país e o estado de emerxencia sanitaria en Galicia, algo que "non sabemos cando pasará", lembrou o dirixente autonómico.

De acordo coa oposición, a Xunta deixará sen efecto por tanto as eleccións autonómicas convocadas e "reactivará" estes comicios de acordo coa normativa que se redacte.

"Oxalá pronto esteamos falando de eleccións porque iso significaría que gañamos a batalla contra o coronavirus", subliñou Feijóo.

O presidente galego concluíu agradecendo a todos que deixasen as siglas á marxe "por responsabilidade" e afirmou que, en todo caso, "non me vou a mover de aquí ata que os galegos poidamos respirar tranquilos".