Galicia rexistra un total de 421 casos activos por coronavirus

Pontevedra
21 de outubro 2021

O Servizo Galego de Saúde notifica este xoves de 21 outubro 44 pacientes con infección activa de covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Son dous pacientes máis que onte mércores  

Datos do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e Salnés do xoves 21 de outubro de 2021 SERGAS

O Servizo Galego de Saúde notifica este xoves de 21 outubro 44 pacientes con infección activa de covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Son dous pacientes máis que onte mércores.

Nas últimas 24 horas confirmáronse seis novos casos nas probas diagnósticas de infección activa practicadas.

A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés xa non ten pacientes covid ingresados en planta de hospitalización ainda que mantense un paciente ingresado en estado crítico na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de Montecelo.

O resto dos que contraeron o virus, 43 casos, atópanse illados nos seus domicilios con sintomatoloxía breve ou asintomáticos.

Desde o inicio da pandemia 21.233 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19. Nas últimas 24 horas curáronse catro persoas.

Durante a pandemia rexistráronse 205 falecementos asociados ao virus nesta área sanitaria.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 306.425, 226 nas últimas 24 horas. A estas probas súmanse as 146.690 probas de antíxenos e outras 109.800 probas de detección realizadas ata a data.

GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 421 deles 138 son da área da Coruña, 37 da de Lugo, 37 da de Ourense, 44 da de Pontevedra, 77 da área de Vigo, 68 da de Santiago e 20 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 8 están en UCI, 21 en unidades de hospitalización e 392 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 179.810 persoas curadas, rexistrándose 2.648 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.878.971. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 4.415.395.

VACINAS DA GRIPE E DA COVID ÁS PERSOAS DE 80 OU MÁIS ANOS

Os centros de saúde de cada área sanitaria citarán -vía SMS- ás persoas de 80 ou máis anos para vacinarse. Así, no momento en que acudan a recibir a vacina de reforzo da covid-19, ofertaráselles de xeito simultáneo a vacina antigripal. Neste senso, ambas vacinas poderán administrarse nun mesmo acto, aínda que en lugares anatómicos diferentes.

Pola súa banda, as persoas con idades comprendidas entre os 70 e 79 anos, se así o desexan, terán a posibilidade de solicitar -polas vías habituais-, a súa cita para seren vacinados contra a gripe. No caso da vacina contra o coronavirus, unha vez transcorran os seis meses desde que recibiran a segunda das doses da covid-19, Sanidade convocaraas para recibir a terceira dose.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña convidou a vacinarse contra a gripe a todas as persoas que conforman á poboación diana, e nas que, ademais dos dous grupos de idade citados anteriormente, tamén se atopan as persoas de 60 ou máis anos, os residentes en institucións pechadas de calquera idade; e tamén para aquelas de entre 6 meses e 59 anos de idade que conten con factores de risco de padecer complicacións derivadas da gripe.

A vacinación contra a gripe, tamén está indicada para as embarazadas -estendéndose incluso até nos 6 meses seguintes ao parto-, e para os prematuros. A vacina ofertarase, así mismo, a aquelas persoas que poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións, así como a aquelas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade, ou grupos con exposición laboral e conviventes con persoas de risco.

Nesta campaña de vacinación se empregarán tres tipos de vacinas, segundo os diferentes grupos de poboación.

Por unha banda, administrarase a trivalente adxuvada de antíxenos de superficie inactivados ás persoas de 65 ou máis anos; ademais, a vacina de alta carga tetravalente, aplicarase nas persoas maiores de 60 anos institucionalizadas en residencias, dado que xera unha resposta inmune máis potente neste grupo de persoas cun maior risco de transmisión e; finalmente, disporase a vacina tetravalente de virus fraccionados e inactivados, cuxa indicación comeza a partir dos 6 meses.