Os cidadáns galegos que teñan entre 50 e 55 anos comezarán a ser chamados para vacinarse contra a covid-19 a partir da próxima semana. Así o anunciou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
Tras a reunión semanal do goberno galego, Núñez Feijóo adiantou que este colectivo será inmunizado coa vacina de AstraZeneca. Galicia recibirá case 30.000 doses máis desta farmacéutica nos próximos días, polo que se poderá abordar esta nova fase de vacinación.
A Xunta detallará a principios da próxima semana o novo calendario de vacinación, para o que se utilizarán todas as vacinas dispoñibles, segundo o presidente autonómico.
O criterio será empezar a vacinar polas persoas con apelido H, o empregado noutros segmentos de poboación tras o sorteo realizado #ante notario.
As vacinas dos menores de 55 anos serán simultáneas ás que desde hai semanas reciben os maiores de 80 anos e os traballadores considerados esenciais.
Entre estes últimos atópanse efectivos de Policía Nacional e Bombeiros, funcionarios de prisións ou persoal do servizo de axuda no fogar. A eles uniranse nos próximos días os axentes da Garda Civil, entre outros.
Galicia decidiu reservar a vacina de AstraZeneca para os menores de 55 anos e a de Pfizer sen límite de idade, igual que a de Moderna aínda que deste laboratorio "aínda temos moi poucas", recoñeceu o dirixente autonómico.
Por iso, Feijóo pediu "comprensión" á cidadanía polo feito de que se vacine aos menores de 55 anos cando non se completou a inmunización dos maiores de 80. A estes, explicou, "non se lles vai a quitar ningunha vacina", xa que reciben lotes diferentes.
Con respecto aos maiores de 80 anos, Núñez Feijóo cifrou nun 20% a porcentaxe da poboación que recibiu a primeira dose e destacou que Galicia é a primeira comunidade en número de usuarios de residencias vacinados.