O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este luns que toda Galicia entra no nivel máximo de alerta. Haberá novas restricións. Son unha serie de medidas dirixidas a todos os concellos por igual e que durarán tres semanas, como mínimo. Concretamente, desde o día 27 de xaneiro ata o 17 de febreiro.
Feijóo indicou que as reunións sociais queda limitadas a só conviventes, salvo tarefas como o traballo ou o coidado dos maiores ou menores, e advertiu que "non se mesturen con persoas que non son parte da unidade de convivencia". Non se poderán xuntar non conviventes nin en espazos públicos nin privados.
A mobilidade redúcese ao propio concello e o toque de queda mantense. "Lamentablemente seguirá sendo a partir das 22 horas", comentou o presidente. A intención de Feijóo era a de impoñelo ás 20 horas, algo que foi rexeitado por parte do Goberno central.
Tamén anunciou o peche total da hostalería en toda Galicia. Só se permitirá servizo a domiclio, comida para levar e comedores de empresas.
Pola súa banda, o comercio non esencial só poderá abrir ata as 18.00 horas. Os centros comerciais pecharán as fins de semana. O comercio esencial abrirá ata as 21.30 horas (son supermercados, farmacias ou talleres, entre outros).
Pecharán todos os ximnasios e outros centros deportivos e a única excepción son as competicións federadas de ámbito nacional e internacional. A práctica deportiva na rúa só poderá ser individual e a máscara será obrigatoria tamén para correr. Tampouco será posible saír do concello para facer deporte.
A actividade nos centros educativos mantense como ata o de agora, pero as universidades non reanudarán as súas clases ata o 8 de febreiro e a primeira semana as clases serán en liña exclusivamente. Será a partir do 17 de febreiro cando se tentará retomar a educación presencial.
Galicia restrinxirá tamén a actividade en museos, bibliotecas ou centros nos que se faga calquera actividade cultural, os eventos deportivos non poderán ter público e seguirán prohibidas as visitas aos enfermos, excepto para cuestións de dependencia.
Os centros de traballo continuarán operando con normalidade, pero pídese teletraballo sempre que sexa posible.
"NON PODO GARANTIRLLES QUE SEXA O DERRADEIRO ESFORZO"
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu que as novas medidas adoptadas en Galicia tras a reunión do comité clínico de expertos son "máis difíciles e restritivas" e que "teñen un enorme impacto" pero xustificou que "ningún outro reto é mais importante" como esta "crise inédita".
Igualmente o titular do executivo autonómico dixo que "somos plenamente conscientes de que a inmensa maioría dos cidadáns están facendo un enorme esforzo" que se traduce en custos persoais e laborais. "Non podo garantirlles que sexa o derradeiro esforzo", engadiu.
A día de hoxe o incremento de casos de covid-19 na nosa comunidade resulta "inasumible" e aínda que comparativamente respecto a outros territorios "Galicia segue mellor" coas UCI ocupadas ao 19% e as camas de hospitais ao 11,7%, practicamente a metade que o resto de España.
Esta vantaxe "carece de relevancia", apuntou o presidente, polo que se adoptan novas medidas para protexerse de novas cepas, máis virulentas e que fan máis complexa a loita contra a pandemia para "salvar todas as vidas que se poidan".
Diante deste panorama Feijóo avisa á cidadanía de que "aínda quedan por pasar momentos moi duros". "Debemos aceptalo, afrontalo, recoñecelo e esforzarnos para superalo" engadiu en ton pesimista, engadindo que nestes momentos "non hai lugar máis seguro que os propios domicilios".
Un elemento que fai diferente das anteriores a esta terceira onda da pandemia cunhas "cifras de contaxio inéditas" é que hai un proceso de vacinación en marcha, con todo, o presidente da Xunta lamenta que as vacinas son "por agora insuficientes para procurar unha inmunidade".