Galicia en Común ve un "fiasco" o novo Montecelo: "É unha privatización encuberta"

Pontevedra
18 de xuño 2020

Tras manter un encontro con representantes da xunta de persoal da área sanitaria de Pontevedra, Antón Gómez Reino sinalou que "é evidente" que hai que "parar, frear e reverter" todas as privatizacións realizadas no ámbito da asistencia sanitaria e nos servizos non sanitarios vinculados aos hospitais

Xuntanza de Antón Gómez Reino con sindicatos da área sanitaria de Pontevedra Mónica Patxot

A ampliación de Montecelo, segundo Galicia en Común, ademais de chegar cunha década de atraso abre a porta á posibilidade de impulsar unha "privatización encuberta" de diferentes servizos. Así o denunciou Antón Gómez Reino este xoves en Pontevedra.

Tras manter un encontro con representantes da xunta de persoal da área sanitaria de Pontevedra, o candidato de Galicia en Común sinalou que "é evidente" que hai que "parar, frear e reverter" todas as privatizacións realizadas no ámbito da asistencia sanitaria e nos servizos non sanitarios vinculados aos hospitais.

"Hai que facelo de forma inmediata", defendeu Gómez Reino, que asegurou que se xa a sanidade pública era un "valor fundamental" para a cidadanía, tras a crise da COVID-19 "se entende como un dos piares básicos sobre os que construír a sociedade".

A este respecto, o líder da confluencia entre Podemos, Esquerda Unida e Anova considera que todos os servizos financeiros e económicos da Xunta de Galicia deben estar "ao servizo" dunha sanidade "pública e de calidade" na que, ademais, se "dignifiquen" as condicións laborais dos seus traballadores.

A cabeza de lista por Pontevedra, Eva Solla, engadiu que a pretendida ampliación de Montecelo é un "auténtico fiasco", porque a pesar de ser "absolutamente necesaria" reducirá o número de camas para "facilitar que continúe" o negocio da sanidade privada na cidade.

"Non imos a permitir que suceda o do hospital de Vigo", afirmou Solla, que censurou que a Xunta de Galicia aproveite a renovación dos seus hospitais para "dar retalladas" ao sistema público de saúde e facilitar que empresas privadas xestiones servizos sanitarios.

No caso de Pontevedra, engadiu a número 2 de Galicia en Común por Pontevedra, Iria Figueroa, a esta xestión privatizadora "sumaranse previsiblemente" outros servizos ademais do mantemento dos hospitais.

Ademais, lembrou que o persoal sanitario traballou durante os últimos meses cunhas condicións de "absoluto caos" con obras na UCI ou na unidade de reanimación "en plena pandemia", polo que desde Galicia en Común comparten as súas "lexítimas protestas".