Galicia decidirá o xoves que medidas adopta tras a fin do estado de alarma

Pontevedra
03 de maio 2021

O presidente galego entende que a evolución epidemiolóxica da comunidade permite "ampliar horarios e ir deixando sen efecto o toque de queda", pero reiterou que "o veremos o xoves" tras a reunión do comité clínico, que adoptará as "medidas concretas" que entrarán en vigor en Galicia "esta mesma fin de semana".

Xente con máscaras por Pontevedra Cristina Saiz

Coa fin do estado de alarma, previsto para o próximo 9 de maio, cambiará radicalmente a xestión da pandemia. Son varias as comunidades, entre elas Galicia, as que advertiron que quedarán sen "instrumentos adecuados" para regular as restricións necesarias.

Preocupa especialmente o feito de que, actualmente, seis comunidades están aínda en risco extremo pola incidencia da covid-19 nos seus territorios e o virus "pódese dispersar", segundo apuntou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.

Galicia non é unha delas. A situación da pandemia en Galicia está "controlada", segundo Núñez Feijóo, que destacou a "tendencia á baixa" no número de contaxios, a "estabilización" nos ingresos e unha incidencia a 14 días por baixo de 100.

Estes parámetros, sinalou este luns en Pontevedra, "nos dan optimismo" para esta "nova etapa" que se abrirá tras o estado de alarma e para a que as autoridades sanitarias galegas comezaron a prepararse.

O comité clínico que asegura á Xunta reunirase o vindeiro xoves, tras a reunión do Consello Interterritorial de Saúde prevista para o día anterior, para adoptar as "medidas concretas" que entrarán en vigor en toda a comunidade "este mesmo fin de semana".

O presidente galego entende que a evolución epidemiolóxica da comunidade permite "ampliar horarios e ir deixando sen efecto o toque de queda", pero reiterou que "o veremos o xoves" tras a reunión do comité clínico.

Este organismo, destacou Núñez Feijóo, "sempre adoptou decisións con criterios epidemiolóxicos e fíxoo de maneira clara", algo que contribuíu a que todas as súas medidas fosen avaladas polos tribunais galegos con sentenzas "que sempre foron positivas".

En todo caso, o dirixente autonómico reiterou que "é o momento de manter a prudencia e poder gañar tempo" para adiantar a vacinación e inmunizar á poboación, uns 245.000 galegos esta semana.

Ata 90.000 destes galegos serán homes e mulleres de 66 a 69 anos que serán chamados a partir do venres para recibir a primeira dose da vacina, aínda que a nivel poboacional tamén se avanzará entre 60 e 65 anos e nos maiores de 70, que recibirán a segunda dose.

Con respecto ás novas variantes, Feijóo apuntou que en Galicia "temos todas as cepas", algo que achacou a que esta comunidade é "lugar de paso", ten fronteira con outro país -Portugal- e ao longo da súa fachada atlántica "chegan moitos barcos" de todo o mundo.

A pesar de que a variante india "é unha cepa que nos preocupa" tras confirmarse catro casos nun buque que chegou hai uns días ao porto de Vigo, segundo o presidente galego, a variante británica continúa sendo, por agora, a maioritaria en Galicia.