Gala Hefesto 2015. Feliz día da (dis)capacidade

Pontevedra
04 de decembro 2015

O Teatro Principal vestiu este xoves as súas mellores galas para acoller a fin de festa da terceira edición do Programa Hefesto, unha iniciativa municipal coordinada polos técnicos da Casa Azul que busca amosar unha nova imaxe das persoas con diversidade funcional a través de actividades innovadoras e incursións en áreas que non son habituais para este colectivo

Gala Hefesto 2015 Mónica Patxot

O Teatro Principal vestiu este xoves as súas mellores galas para acoller a fin de festa da terceira edición do Programa Hefesto, unha iniciativa municipal coordinada polos técnicos da Casa Azul que busca amosar unha nova imaxe das persoas con diversidade funcional a través de actividades innovadoras e incursións en áreas que non son habituais para este colectivo.

E este ano, os participantes do Hefesto colonizaron o eido dos medios de comunicación e demostraron as súas capacidades grazas a unha intervención innovadora e atractiva.

Así, nos últimos meses colaboraron con Radio Pontevedra, Cope Pontevedra, Diario de Pontevedra, La Voz de Galicia e PontevedraViva -que ademais dirixiu a sesión de fotos previa á gala final do programa-.

Con todas estas accións elaborouse un audiovisual que se proxectou este xoves, coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que recompila todas estas accións protagonizadas por usuarios das asociacións Juan XXIII, Amizade, Down-Pontevedra Xuntos y Alba Amencer-Aspace, Asociación de Sordos de Pontevedra "Río Lérez", entre outros colectivos.

Á gala asistiron membros da corporación municipal, integrantes destas asociacións, participantes do programa, familiares e, en definitiva, moitas persoas sensibilizadas coa normalización da (dis)capacidade e que gozaron cun evento que desprendeu unha enorme sensibilidade e emoción.