Gabriel Nogueiras repite premio como mellor deseñador emerxente na Fashion Week de Madrid

Pontevedra
15 de marzo 2022

O mundo da moda volve a renderse ante o talento do pontevedrés Gabriel Nogueiras. O deseñador volveu a gañar, por segundo ano consecutivo, o galardón Mercedes-Benz Fashion Talent, que se entregou no marco da Fashion Week de Madrid

Deseños da colección "Pata pollo" de Rubearth PontevedraViva

O mundo da moda volve a renderse ante o talento do pontevedrés Gabriel Nogueiras. O deseñador volveu a gañar, por segundo ano consecutivo, o galardón Mercedes-Benz Fashion Talent, que se entregou no marco da Fashion Week de Madrid.

A través do seu selo Rubearth, os profesionais do sector recoñeceron a calidade da colección que o mozo de orixe venezolana, residente en Poio, presentou nesta ocasión.

Baixo o título "Pata pollo", Nogueiras inspírase nas espectaculares paraxes naturais de Sudamérica, trasladando ao público a unha viaxe marcada por cores, formas e sensacións inéditas, recuperando o tradicional realismo máxico.

Motivos tribais e mestura de cores sobre cazadoras que se combinan con jerséis de punto feitos en Galicia, ao que o deseñador engadiu unha colección de bolsos "wayúu".

O xurado destaca a súa coherencia, as tipoloxías de produtos que abarca, o concepto da colección levado ao extremo e a proxección comercial e industrial dos seus deseños.

Ademais, aseguran estar "impresionados" polo desfile proposto polo deseñador, especialmente "por defender a diversidade e a sustentabilidade en todo momento, cun estudo cromático exquisito e unha gran complexidade de tecidos". 

Tras triunfar en Madrid, os deseños de Rubearth desfilarán na semana da moda de Praga.

"Síntome moi ilusionado por gañar este premio e sobre todo por ter a oportunidade de poder desfilar nunha pasarela internacional", afirmou o deseñador pontevedrés durante o acto de entrega deste novo premio.