Gabinete de crise na Deputación que mantén movilizados todos os seus departamentos e efectivos

Pontevedra
15 de outubro 2017

A presidenta Carmela Silva activou desde a madrugada o gabinete de crise que a estas horas segue a traballar na coordinación dos medios de emerxencias que se derivan aos concellos mais afectados

Incendio en Pazos de Borbén visto dende Ponte Sampaio Lorena Prado

O goberno provincial da Deputación de Pontevedra mantén movilizados todos os departamentos da institución ante a grave situación dos incendios. Ás 21.30 horas, o gabinete de crise, que a presidenta Carmela Silva activou a pasada madrugada, segue a traballar en coordinación con Medio Rural da Xunta e os concellos do sur da provincia a fin de sumar esforzos para poder controlar a situación que, sobre todo, está a afectar as comarcas do Condado, Vigo, Val Miñor e Baixo Miño con miles de hectáreas queimadas e vecinos desaloxados.

Desde o sábado pola noite, a Deputación mobilizou todos os parques do consorcio provincial contra incendios e salvamento, Vilagarcía, O Porriño, Bueu e Ribadumia, que se puxeron a disposición do 112 e de Medio Rural, e que ao longo do día movéronse en función da perigosidade dos lumes, desde Pazos de Borbén a Mondariz, Ponteareas, Redondela, Gondomar, Baiona, Oia, Mos, Salvaterra ou As Neves.

Amais, durante a xornada se activou a alerta en diferentes departamentos da institución provincial e se coordinou desde a área de Mobilidade o envío de medios humanos e máquinas as zonas máis afectadas, chegando mesmo á contratación externa de algún materiais. De feito enviáronse dúas máquinas de cadeas e dúas góndolas, amais de dúas cisternas así como conductores e un coordinador do parque.

Tamén se activou o protocolo de actuación no castelo de Soutomaior coa previsión de materiais para facer frente a una posible evacuación que de momento non foi precisa. Igualmente as brigadas provinciais apoiaron labores de tráfico co peche da estrada Ponteareas-As Neves.

A estas horas han sido declarados de nivel 2 de alerta os incendios de Gondomar, As Neves, Salvaterra, Baiona e Pazos de Borbén, onde tamén traballan efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) e que se espallou a Ponteareas, Redondela e Soutomaior. Ante a virulencia dos fogos están movilizados os corpos contra incendios de todos os concellos do sur da provincia.

A propia presidenta provincial, Carmela Silva, segue en permanente contacto coa conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, con quen coordinou todos os dispositivos de emerxencia, e cos alcaldes das zonas e concellos máis afectados polo fogo.

Arquivado en