Fuxe dun control da Garda Civil porque trasladaba 200 vieiras ilegais e con toxina

O Salnés
09 de novembro 2016

O dono do vehículo no que se aprehendeu a mercadoría deuse á fuga nun control de estrada e ao día seguinte acudiu ao cuartel do Grove para denunciar o roubo. Esta persoa xa tiña sido interceptada noutras tres ocasións

Vieiras ilegais incautadas pola Garda Civil Guardia Civil

A Garda Civil interceptou máis de duascentas vieiras extraídas de maneira ilegal, presuntamente na ría de Vigo. Os axentes xa tramitaron unha denuncia por vía administrativa contra un veciño do Grove, propietario do vehículo no que se localizou o marisco.

O home de 38 anos conta con permiso para exercer a actividade extractiva na zona marítima de influencia da confraría do Grove. Pero, segundo apunta a Garda Civil, colleu o marisco nunha ría fóra do seu ámbito e, por tanto, de forma ilegal. Ademais levou a cabo esta operación fóra do horario permitido e con equipos de respiración asistida non autorizados para a vieira.

A mercadoría estaba destinada ao mercado negro co risco sanitario destes casos por non pasar os preceptivos controis de seguridade da lonxa.

A Garda Civil denuncia ademais que o home puxo en risco a seguridade dos usuarios da estrada VG-4.1 en Sanxenxo. Para evitar o control que montaran os axentes do cuartel de Vilagarcía de Arousa, ao dar o alto ao vehículo, o denunciado realizou unha manobra brusca e cambiou de sentido, a gran velocidade, para darse á fuga en dirección ao monte e chegou a chocar contra o coche policial antes de desaparecer.

Outra patrulla da Garda Civil de Vilagarcía conseguiu localizar posteriormente o vehículo que estaba abandonado nun monte da parroquia de Noalla, en Sanxenxo. No coche localizouse o marisco, que se transportaba sen as mínimas condicións hixiénico-sanitarias e incautáronse tamén aparellos como un equipo de mergullo con dúas botellas.

Un día despois da fuga, o home acudiu ao posto da Garda Civil do Grove asegurando que lle roubaran o vehículo. Por esta acción, o mariñeiro terá que facer fronte a unha denuncia por simulación de delito.

Trátase da terceira vez en tres meses que o home foi denunciado por extracción ilegal de marisco e, durante este mesmo tempo, incautáronselle xa tres vehículos, outros tantos equipos de mergullo completos con botellas e distintas cantidades de diversos mariscos. En todas as intervencións que a Garda Civil levou a cabo para frear as prácticas deste individuo, sempre evitou os dispositivos de control con accións e condutas desafiantes, chegando a atentar contra a integridade dos axentes.

Tanto o vehículo como o marisco intervido foi trasladado e posto a disposición do Servizo de Guardapescas marítimos con base en Vilaxoán. As mostras das vieiras foron remitidas ao Instituto Tecnolóxico para o control do Medio Mariño de Galicia e deron resultado positivo en toxina.