Furan o asfalto para osixenar o carballo de Santa Margarida

Pontevedra
11 de setembro 2017

As actuacións urxentes para mantelo incluíron unha poda de saneamento, a suxeición das ramas pesadas e a aplicación de tratamento biolóxico contras os xilófagos

Carballo de Santa Margarida Cristina Saiz

Técnicos do departamento municipal de Medio Natural e da Estación Fitopatolóxica do Areeiro (EFA) apuran as actuacións de urxencia autorizadas pola Consellería de Medio Ambiente, seguindo o ditame derivado da avaliación do estado desta árbore senlleira após da caída dunha ponla seca de 200 quilos o pasado 31 de xullo.

Primeiro foi unha poda de saneamento e a suxeición das ponlas máis pesadas, despois comezouse coa aplicación do tratamento con insecticida biolóxico contra os insectos xilófagos e este luns foi a quenda da realización de catas e apertura de ocos no asfalto co fin de osixenar as raíces da árbore centenaria. Estes ocos serán recheos con area e grava para manterlle a humidade.

Sete días despois da caída da ponla do carballo de Santa Margarida, o concelleiro de Medio Natural, Alberto Oubiña, xa contactara coa Estación Fitopatoloxica do Areeiro e os seus técnicos tiñan feito xa unha avaliación do estado da árbore.

O 21 de agosto, previa autorización da Xunta -o carballo está incluído no catálogo de árbores senlleiras- comezaron os tratamentos dirixidos a conseguir mantelo vivo nas mellores condicións.

A Concellería de Medio Natural, que dirixe Alberto Oubiña, púxose tamén en contacto coas consellerías de Cultura e Medio Ambiente e coa Delegación de Patrimonio do Arcebispado de Santiago co fin de coordinar, ademais desta actuación urxente, unha estratexia de longo percorrido para conservar e manter no mellor estado posible o carballo de Santa Margarida.