Un fungo provoca a caída dunha árbore na zona da Casa de Cultura en Seixo

Marín
23 de outubro 2024

O Concello de Marín solicita un estudo á Estación Fitopatolóxica do Areeiro para avaliar o estado das árbores desta zona despois da caída dun exemplar

Árbore caída en Seixo Concello de Marín

O Concello de Marín vén de solicitar un estudo á Estación Fitopatolóxica do Areeiro para avaliar o estado das árbores na contorna da Casa de Cultura de Seixo.

Esta decisión prodúcese tras a caída dun exemplar o pasado martes, 22 de outubro, que afortunadamente non causou danos persoais nin materiais.

A inspección da árbore caída revelou que as súas raíces estaban afectadas por un fungo.

Esta información suscitou preocupación no goberno local sobre a posibilidade de que outros exemplares da zona poidan estar igualmente afectados.

Ante esta situación, o Concello presentou un escrito á Estación Fitopatolóxica do Areeiro para encargar unha análise exhaustiva do resto das árbores.

O obxectivo é detectar posibles infeccións e situacións de risco que poidan comprometer a seguridade na área.

O exemplar caído foi retirado na mesma xornada do incidente.

O Concello agarda que os resultados do estudo permitan tomar as medidas necesarias para garantir a saúde das árbores nesta parroquia.

Árbore caída en Seixo  Concello de Marín