Fundido a negro de Pontevedra para loitar contra a violencia

Pontevedra
18 de novembro 2019

A Concellería de Benestar Social inicia a repartición de material divulgativo e a colocación de pancartas dunha campaña que vivirá o 25-N, Día Internacional pola Eliminación da Violencia Contra a Muller, unha manifestación masiva na Praza da Ferrería

Participante na campaña Pontevedra en negro PontevedraViva

Pontevedra envórcase coa campaña estatal de loita contra a violencia, baixo o lema Pontevedra en Negro, o Concello tenta facer chegar a súa mensaxe mediante a repartición de material divulgativo en comercios, locais de hostalería, centros educativos, sanitarios e deportivos; así como o despregamento de pancartas en diferentes puntos da cidade. Para as 12.30 horas deste martes, está prevista a colocación dunha lona na fachada da Casa do concello que permanecerá exposta ata o 26 de novembro.

"Xa se colocaron pancartas en farois situados en 15 puntos da cidade e estanse a repartir carteis, camisetas, mandís e folletos divulgativos para tentar que a mensaxe chegue con forza a toda a cidadanía", declarou a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Paloma Castro. Lembra a socialista que estas actuacións están enmarcadas no programa de actos deste departamento polo 25- N, o Día Internacional pola Eliminación da Violencia Contra a Muller.

As accións reivindicativas terán continuidade o 21 de novembro coa presentación dunha exposición fotográfica titulada "Desmontando o Amor Romántico", obra de catro artistas galegas. Dous días despois representarase no Teatro Principal a obra "Pementeiras. Unha historia de empoderamento feminino", escrita e dirixida por Ramón Torrente.

Como colofón, a Praza da Ferrería acollerá o acto central do 25-N nunha xornada na que se pretende mobilizar aos estudantes de todos os centros educativos de Pontevedra. E o día 30, na Casa Azul péchase un mes de loita contra a violencia cun curso de autodefensa.