Funcionarios da Xustiza en Pontevedra foxen das siglas e piden aos sindicatos "sentido común e tolerancia"

Pontevedra
02 de maio 2018

Os traballadores piden aos sete sindicatos con representación no comité de folga que retomen a unidade sindical rota e negocien polo ben común: "É responsabilidade súa sacarnos honrosamente disto". Á Xunta reclámanlle que se retome a mesa de negociación "de inmediato"  

Comparecencia de traballadores do sector da Xustiza ante a situación do conflito laboral Mónica Patxot

Os funcionarios da Administración de Xustiza de Pontevedra están fartos da situación que se está a vivir no conflito laboral que teñen coa Xunta de Galicia e que os mantén en folga indefinida desde hai máis de 80 días, de maneira que este mércores, por segunda vez no que vai de semana, decidiron facer unha convocatoria pública na que pediron aos sete sindicatos con representación no comité de folga que retomen a unidade sindical rota e que actúen con "sentido común e tolerancia". 

Arredor de 200 traballadores decidiron fuxir das siglas dos distintos sindicatos e aprobaron dous escritos dirixidos ás distintas centrais sindicais e ao presidente da Xunta de Persoal da provincia, Xosé Barreiro Pérez, para pedirlles que se retome a mesa de negociación "de inmediato", despois de que a semana pasada as asembleas de traballadores acordaran rexeitar o pre acordo ao que chegaran catro dos sete sindicatos -SPJ-USO, UGT, CSIF e CC.OO.- sen contar co respaldo dos outros tres -CIG, CUT e STAJ-.

Unha representación deses traballadores alleos ás siglas compareceu este mércores e Rosa García e Marcos Beiró puxeron voz ás súas reivindicacións. Aos sete sindicatos esíxenlles que todos e cada un deles "asuman a situación e dean un paso adiante con sentido común e tolerancia" -en relación coa votación sobre o preacordo-. 

O pasado luns estes traballadores solicitaran que hoxe se celebrara unha reunión para retomar as negociacións. Ese xuntanza non se celebrou e, ademais, denuncian que hai distintas situacións nas que os sindicatos "non só dinamitan a nosa esperanza de lograr a unión entre todos, senón que seguen sen manifestar a súa vontade de recuperar a fronte común"

"É responsabilidade súa sacarnos honrosamente disto", recórdanlles. Asumen que puideron ter cometido erros, pero demostraron "resistencia e, sobre todo, dignidade, que, aínda que non nos dá de comer, axúdanos a descansar mellor". 

En canto a Xosé Barreiro Pérez, diríxense a el para que, na súa condición de presidente da xunta de persoal, lle dea traslado dos escritos a todas as organización sindicais e tamén á Xunta. En canto á parte social, lémbranlles que, "máis alá de afiliacións e afinidades", eles representan a todos os traballadores e, polo tanto, "teñen a obriga de defender os intereses do conxunto dos traballadores, debendo, a tal fin, retomar a unidade sindical". 

Os traballadores da xustiza insisten, ademais, en que manteñen o pleno apoio a todas as reivindicacións obxecto desta folga, que consideran "xustas e lexítimas" e que deben ser defendidas polos seus representantes "no marco da maior unidade sindical posible". 

Consideran que neste momento "tan difícil e complicado",  é obriga de todos, sindicatos, Xunta e operadores xurídicos, "encontrar de forma inmediata una saída a esta situación que resulte satisfactoria para todos".

UNIÓN SINDICAL

Por outra parte, ao longo da tarde deste mércores os sindicatos SPJ-USO, AXG-CUT, STAJ e CIG, membros do comité de folga e con maioría dentro do mesmo, anunciaron unha unidade de acción, na que non estarían os outros tres sindicatos -UGT, CC.OO. e CSIF-.

Os catro sindicatos xuntos insisten en que queda reconstruída a unidade sindical SPJ-USO, AXG-CUT, STAJ e CIG e que queda establecida unha nova maioría sindical, instando ao resto de sindicatos a que se adhiran a esta maioría.