Funcionarios da Lama logran o compromiso de Margarita Robles de que trasladará a Grande- Marlaska as súas demandas

Pontevedra
20 de xaneiro 2019

Un grupo de traballadores e delegados sindicais do penal concentrouse ás portas da sede de  Afundación en Pontevedra con motivo dun acto do PSOE. A ministra de Defensa parouse a falar con eles e aseguroulles: "Lo voy a trasmitir al ministro y me consta que está preocupado por este tema"

Funcionarios da Lama conversan con Margarita Robles ás portas do acto do PSOE Diego Torrado

Os funcionarios de Prisións seguen reivindicando as demandas laborais que os levaron a terminar 2018 coa primeira folga xeral da historia de Institucións Penitenciarias e este domingo visibilizáronas ante a ministra de Defensa, Margarita Robles, con motivo do acto político con militantes e simpatizantes do PSOE que protagonizaba en Pontevedra. Ademais de lograr o pouco común xesto de que unha ministra se achegue a dialogar cuns manifestantes, tamén conseguiron arrincarlle o compromiso de que trasladará as súas demandas ao ministro de Interior, Fernando Grande- Marlaska.

Un grupo de traballadores e delegados sindicais do centro penal da Lama concentrouse ás portas da sede de Afundación en Pontevedra á espera da chegada da ministra e esta demostrou que o seu xesto tiña sentido, pois, á súa chegada, detívose a escoitarlles e mantivo unha breve conversación con eles. 

O paso de Margarita Robles sorprendeu aos propios manifestantes, que llo agradeceron directamente: "le estamos muy agradecidos que haya parado a hablar con nosotros". Ademais, aproveitaron a súa boa disposición para trasladarlle que senten "desamparados y abandonados" polo Goberno socialista de Pedro Sánchez e por Grande-Marlaska. Repróchanlle que antes de ser ministro, en sede parlamentaria, "prometió unas palabras que no está cumpliendo" desde que se converteu en responsable de Interior. 

Margarita Robles explicoulles que "de haber sabido que estaban, me habría preparado un poco más, habría hablado con el ministro" para que a puxese ao día da situación actual do conflito laboral que manteñen todos os sindicatos coa Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias. A pesar do imprevisto do encontro e o seu queixume de que "hubiera un poco informada", comprometeuse a que o seu acto non quedaría sen resposta. 

"Lo voy a trasmitir al ministro y me consta que está preocupado por este tema", asegurou Margarita Robles, que escoitou atentamente as súas queixas de que "somos invisibles" e "la administración que más penosidad soporta".

Os delegados sindicatos de Acaip e CC.OO na Lama, Marcos Blanco e José Carlos Moreno, respectivamente, queixáronse de que "si se equipara a guardias civiles y policías, no se puede discriminar a funcionarios de Prisiones".

Previamente, en declaracións aos medios, Marcos Branco explicara que estaban concentrados "para visibilizar unha vez máis, neste caso, diante dun membro do goberno, que necesitamos, que pedimos que se senten a negociar para resolver o conflito de Prisións". Engadiu que "non podemos aturar máis desplantes do goberno, como leva facendo desde o mes de setembro".

José Carlos Moreno, pola súa banda, lembrou que"las promesas que se hacen en la oposición se tienen que cumplir en el gobierno" e o PSOE, antes de chegar á Moncloa, "apoyaba nuestra propuesta laborales, venía con nosotros a las manifestaciones". Grande-Marlaska "llegó a decir que nuestras reivindicaciones eran justas" e, con todo, como ministro, senten que non lles escoita.