Funcionaría en Pontevedra o modelo de ecobarrios de 'emisión cero' de Vitoria-Gasteiz?

Pontevedra
11 de novembro 2022

Ivan Puentes quere exportar a Pontevedra este tipo de barrios de 'emisión cero', autosuficientes desde o punto de vista enerxético e do consumo, dotados de instalacións solares e sistema propio de reciclado de residuos e capaces de producir os seus propios alimentos a través de hortas urbanas 

Visita de Iván Puentes e Yoya Blanco a Vitoria-Gasteiz Concello de Pontevedra

O modelo de ecobarrios que o Concello de Vitoria-Gasteiz proxectou en varios distritos da capital alavesa serve de inspiración para o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra, Iván Puentes

O edil, de visita institucional en Vitoria-Gasteiz xunto coa concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, manifestou que quere exportar a Pontevedra este tipo de barrios de 'emisión cero', autosuficientes desde o punto de vista enerxético e de consumo.

Estes barrios están dotados de instalacións solares e un sistema propio de reciclado de residuos e capaces de producir os seus propios alimentos a través de hortas urbanas.

Puentes tamén anunciou que se inspirará nos Sistemas Urbanos de Drenaxe Sostible (SUDS) aplicados nos Humidais de Salburua ou no arroio Zarauna (no barrio de Zabalgana) para controlar o rego de Valdecorvos e acabar cos asolagamentos que se producen na rúa Padre Fernando Olmedo.

Estas ideas foron abordadas no marco dunha reunión técnico-política que Iván Puentes e Yoya Blanco mantiveron este xoves na Casa Consistorial de Vitoria-Gasteiz co seu alcalde, Gorka Urtaran; a segunda tenente de alcalde, Ana Oregi Bastarrika, concelleira de Territorio e Acción polo Clima e presidenta do Centro de Estudos Ambientais (CEA); o concelleiro delegado de Mobilidade e Espazo Público, Raimundo Ruiz de Escudero; a coordinadora de Alcaldía, Saray Zárate; a xefa da Área de Estudos, Avaliación e Diagnose de Sostibilidade do CEA, Ane Itziar Velasco, e o asesor de Alcaldía, Valeriano Tena.

O encontro institucional coa delegación pontevedresa, da que tamén forman parte o xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns e responsable do proxecto Rede Verde, Manuel Fontán, e o director do departamento de Enxeñería Civil da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos da Universidade da Coruña (UDC), Alberto Varela, permitiu poñer en común coñecementos, experiencias e estratexias de dúas urbes que complementan os seus modelos de cidade.

Iván Puentes sinalou que Pontevedra dedicou os últimos 24 anos a traballar dun xeito exitososa a peonalización e a redución do tráfico de vehículos a motor, pero deixou de lado a grande reforma verde e azul que agora conflúe nesa estratexia de renaturalización do proxecto Pontevedra Flúe e Vitoria fixo xusto o camiño contrario: leva máis de 30 anos traballando en toda a infraestrutura verde da cidade e agora comeza a afrontar a redución de vehículos a motor no seu casco urbano. 

O concelleiro tamén se referiu a un dos seus proxectos estrela deste mandato, a liberalización do río Gafos no seu tramo urbano e amosouse convencido de que "se tivesen un río como o Gafos no centro de Vitoria, estaría liberado hai xa moitos anos".

Nesta primeira xornada de visita institucional a Vitoria, a comitiva pontevedresa tivo ocasión de coñecer o novo aparcabicis da Praza da Memoria (que é, con 231 prazas, o máis grande da rede VGBiziz) e de empregar a rede de carril bici da cidade vasca para percorrer puntos de interese como o Pazo de Congresos Europa, os Humidais de Salburua e o seu Centro de Interpretación (Ataria).