Fronte común en Antas contra o parque eólico de Monte Peón

A Lama
28 de marzo 2023

Jorge Canda, alcalde da Lama, anuncia a convocatoria dun pleno extraordinario para rexeitar o proxecto eólico e indica que o goberno municipal pon as ferramentas municipais e a documentación dispoñible a disposición de Erundina Louro, presidenta da Comunidade de Montes, para impedir esta iniciativa industrial prevista en terreos de Xende

Comuneiros e David Carrera tratan o proxecto do parque eólico Monte Peón
Comuneiros e David Carrera tratan o proxecto do parque eólico Monte Peón / Concello da Lama

Nun encontro coa veciñanza de Antas, o alcalde da Lama, Jorge Canda, trasladou o apoio do equipo de goberno ás reivindicacións e oposición á instalación do parque eólico en Monte Peón. 

O rexedor comprometíase nesta reunión para convocar un pleno extraordinario para referendar por todos os grupos municipais o rexeitamento ao proxecto industrial previsto en terreos de Xende e que afectará de maneira grave, segundo o Concello, ás persoas residentes na parroquia de Antas.

A proposta industrial contempla a instalación de tres aeroxeradores de 4.200 kW de potencia nominal unitaria, que producirán aproximadamente 41.387 Mwh/ano. 

David Carrera, tenente de alcalde, entregáballe a documentación dispoñible no Concello sobre o parque eólico a Erundina Louro, presidenta da Comunidade de Montes.

Ademais, o representante municipal indicou que os medios municipais atópanse ao dispor dos comuneiros, que se concentraron ante o Concello para mostrar a súa oposición ao proxecto e que, seguidamente, mantiveron un encontro co tenente de alcalde, segundo fontes municipais.

O encontro iniciouse coa lectura dun manifesto, en voz de Erundina Louro, elaborado por un mozo da parroquia residente no estranxeiro e tivo continuidade por dous comuneiros que expresaron o seu apoio ás enerxías renovables pero tamén o rexeitamento á saturación e localización de aeroxeradores no dorsal do Suído.

Erundina Louro fixo un chamamento para facer fronte de maneira colectiva ao proxecto do parque eólico Monte Peón.

David Carrera sinalou que se está traballando en colaboración coa Comunidade de Montes de Antas para que unha empresa especializada en cuestións medio ambientais para apoiar á veciñanza, ademais de comprometerse a achegar o asesoramento legal para evitar a implantación do parque eólico.

Este mesmo martes tamén se presentaba na Subdelegación de Pontevedra un escrito por parte do BNG en contra doutro proxecto eólico, o de Carballoso, que afectará a Berducido, Seixido e Xiesta, tamén no municipio da Lama.

 

Arquivado en