Froiz prevé aumentar entre un 20 e un 30% o seu persoal co seu novo centro operativo en Barro-Meis

Pontevedra
17 de decembro 2014

Estas novas instalacións empregarán a máis de 500 persoas, segundo avanzou o empresario Magín Froiz na súa visita á parcela na que se situará esta nave. Crearase inicialmente unha nave de 24.000 metros cadrados dedicada á venda ou unha área para acoller a "flota potente de camiones" do grupo. Ademais, terá gardería para os fillos dos empregados, comedor, unha estación de autoservizo ou amplas zonas verdes

Visita de Magín Froiz e Rafael Louzán ao polígono de Barro-Meis Mónica Patxot

Froiz ampliará substancialmente o seu número de traballadores coa apertura do seu futuro centro operativo e loxístico no polígono industrial de Barro-Meis. Estas novas instalacións empregarán a máis de 500 persoas, o que obrigará á empresa de alimentación a aumentar un "20 o 30% como mínimo" o seu equipo, segundo avanzou o empresario Magín Froiz na súa visita á parcela na que se situará esta nave.

O proxecto que Supermercados Froiz vai desenvolver en Barro-Meis instalarase nun espazo de 73.394 metros cadrados de terreo onde, tal e como indicou Magín Froiz, se creará inicialmente unha nave de 24.000 metros cadrados dedicada á venda, "con superficie suficiente para trabajar y acomodar la mercancía con cierta calidad". Ademais habilitarase unha área para acoller a "flota potente de camiones" do grupo.

Pero esta iniciativa é aínda máis ambiciosa. O empresario adiantou que se contempla a creación dunha gardería infantil para os fillos dos traballadores da empresa, un comedor para os empregados, unha estación propia de autoservizo ou unha estrulladora de cartón, similar a que xa ten o grupo na súa sede central de Lourido.

Para completar o espazo, Froiz prevé a creación de amplas zonas verdes acondicionadas para lecer e descanso do persoal, "porque como la parcela es grande y bonita queremos hacer jardines para que la gente, al salir de trabajar o en los descansos, pueda estar paseando y distrayéndose", sinalou Magín Froiz. "Tenemos que pensar en el futuro para hacerlo mejor como empresa y para que los trabajadores estén mejor".

Como xa adiantara o empresario pontevedrés, estas novas instalacións non suporán o peche da sede de Froiz en Lourido. Magín Froiz insistiu que a matriz do grupo permanecerá en Poio e as oficinas centrais seguirán alí. Ademais, crearase un ⿿cash and carry⿿ que estará aberto ao público e que suporá que "igual cerramos el de A Barca o lo convertimos en un supermercado" que dea servizo á Caeira, trasladando aos traballadores actuais a Lourido.

Ademais, a estas instalacións de Poio trasladarase tamén parte das liñas de conxelados ou froita que, actualmente, están repartida en varias naves como a que o grupo ten en Lérez "porque se nos han quedado pequeñas". E todo iso tras o "tremendo esfuerzo" que supuxo para o grupo a compra de Supermercados Moldes, unha operación na que ambas partes "quedamos contentas", dixo.

FROIZ, LOCOMOTORA DE BARRO-MEIS

Na visita ao polígono tamén estivo presente o presidente da Deputación, Rafael Louzán, quen amosou a súa "gran satisfacción" polo acordo acadado con Froiz. Vai a permitir, sinalou, o "despegue definitivo" do polígono de Barro-Meis, xa que espera que a empresa de alimentación actúe como "locomotora" de todo este ámbito e permita atraer o interese de máis compañías.

Neste sentido , Louzán lembrou que desde o vindeiro mes de xaneiro de 2015, se abrirá un novo período para que outras empresas interesadas en instalarse en Barro-Meis poidan presentar as súas propostas. Este prazo permanecerá aberto durante todo o ano e as condicións serán as xa establecidas na convocatoria á que se presentaron Froiz e Novas Rías.

O presidente da Deputación confía en que os traballos para a creación das novas instalacións de Froiz se poidan realizar canto antes e a empresa conte con todos os servizos. "Por parte da Deputación non vai faltar nada para que no prazo que estableza a empresa, poida empezar a traballar", asegurou Rafael Louzán.

Nestes momentos xa está adxudicada a construción da liña de alta tensión que abastecerá de enerxía o polígono e que permitirá poñer en marcha as obras en canto se rematen. A maiores, a Deputación está a construír nestes momentos o viveiro de empresas e está en licitación a construción dun Centro de Servizos e Apoio ás empresas instaladas que proporcionará espazos complementarios como oficinas, salas, auditorio, servizo de restauración, cafetería e outros.