Froiz comezará este ano as obras da súa plataforma de conxelados no polígono de Barro

Pontevedra
22 de maio 2018

O presidente e fundador do Grupo Froiz, Magín Alfredo Froiz, anunciou este martes que "xa está en marcha o primeiro proxecto" deste grupo empresarial no polígono de Barro

Sinatura de venda de parcelas no polígono de Barro Deputación de Pontevedra

O presidente e fundador do Grupo Froiz, Magín Alfredo Froiz, anunciou este martes que "xa está en marcha o primeiro proxecto" deste grupo empresarial no polígono de Barro "que é unha plataforma para produtos conxelados". O empresario agarda que as obras comecen este ano e asegurou que o terreo principal, de 5.000 metros cadrados, xa ten un proxecto presupostado.

Froiz fixo estas declaracións logo da sinatura da compra de dúas parcelas cunha superficie de 6.537,92 metros cadrados por valor de 783.177,51 euros (IVE incluído) coas que a Froiz xa dispón dun total de 18 parcelas.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou este martes as últimas parcelas vendidas no polígono de Barro, que suman arredor de 9.000 metros cadrados e máis dun millón de euros.

Además do grupo Distribuciones Froiz, S.A. tamén mercou dúas parcelas Rafael Buceta, en representación dunha empresa relacionada co transporte de madeira. Éstas teñen unhas dimensións de 2.459,95 metros cadrados e un valor de arredor de 295.000 euros

Carmela Silva asegurou que "estamos convertendo esta infraestrutura nunha referencia para a instalación de empresas e iso é o que necesita esta provincia: moitos empresarios e empresarias e moitas empresas que crean riqueza e, polo tanto, emprego que faga que esa riqueza se distribúa".

O polígono de Barro conta cunha superficie total de 258.436 metros cadrados dos cales está vendido o 52% da súa superficie. 

Ademais, a Deputación de Pontevedra ten aberto na actualidade, ata o 9 de xuño, o prazo de presentación de solicitudes para a venda ou a constitución dun dereito de superficie das parcelas dispoñibles, na modalidade de concurso público, ao prezo de 99 euros por metro cuadrado ante a demanda existente de solo industrial para a implantación das empresas que comezaron a xurdir neste ano ou que, ante as melloras competitivas impulsadas pola Deputación de Pontevedra (entre elas, unha considerable rebaixa dos prezos de venda), teñen interese en establecerse nesta infraestrutura estratéxica.