Forestais achegará a súa experiencia a un estudo europeo sobre o cambio climático

Pontevedra
05 de maio 2021

Nove universidades europeas, entre elas a Universidade de Vigo a través da Escola de Enxeñerçia Forestal, colaborarán nun ambicioso proxecto de investigación para mellorar a resiliencia dos bosques e de toda a cadea forestal ante as ameazas derivadas do cambio climático

Bosque de Sequoias (Poio) Terras de Pontevedra

Nove universidades europeas, entre elas a Universidade de Vigo, colaborarán nun ambicioso proxecto de investigación para mellorar a resiliencia dos bosques e de toda a cadea forestal ante as ameazas derivadas do cambio climático.

Este estudo, que está coordinado polo Instituto Forestal Europeo (EFI), ten un orzamento de cinco millóns de euros e desenvolverase durante o próximos catro anos.

Xunto coa Universidade de Vigo, que achegará expertos da Escola de Enxeñería Forestal e da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, participarán nesta investigación as universidades de Graz, Helsinqui, Bournemouth, Copenhague, Friburgo, Múnic, Praga e Viena.

Ademais, outras entidades de España, Países Baixos, Francia, Croacia, Irlanda, Finlandia, Austria e Bélxica son socias deste proxecto, entre elas o Centro de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais de Cataluña e a Axencia Galega da Industria Forestal.

A investigación, que foi bautizada co nome de "Resonate", analizará os efectos de múltiples factores en diferentes tipos de bosques e sistemas de xestión en toda Europa, para definir estratexias de resposta que melloren a súa capacidade de adaptación ao clima.

O director da Escola de Enxeñería Forestal, Juan Picos, explicou que o cambio climático é un "gran desafío" para os bosques europeos onde se produciron recentemente "perturbacións" que tiveron unha intensidade "sen precedentes".

En declaracións que distribuíu a propia Universidade de Vigo, Picos asegura que este proxecto é unha "boa oportunidade" para entender os efectos do cambio climático sobre a cadea de valor da madeira "e intercambiar experiencias" para que teña "máis resiliencia".

O grupo de investigación da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais encargarase de achegar a súa experiencia na análise das cadeas de valor e no deseño das métricas, mentres que a Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra identificará "zonas críticas" a escala europea e examinará o potencial dos sistemas actuais de xestión.

Xunto co traballo común co resto das universidades participantes, os investigadores galegos coordinarán un dos oito casos rexionais a estudo, centrado nos bosques de Galicia e o norte de Portugal, e asumirá un noveno, centrado na cadea de valor da madeira de piñeiro no noroeste da península ibérica.

O obxectivo é comprobar se esta zona de Europa está preparada para resistir a eventos futuros derivados do cambio climático, segundo detalla Juan Picos, que poidan afectar á súa produtividade, ao risco de incendios ou de pragas ou que impliquen problemas nas cadeas loxísticas e na seguridade das plantas industriais relacionadas coa madeira.

No seu conxunto, este estudo a nivel europeo busca dar resposta ao cambio na "idoneidade" das especies arbóreas ante as novas condicións climáticas, reducir os riscos de que se produzan "perturbacións forestais", combater a diminución da biodiversidade e afrontar a "demanda cambiante" a nivel social de produtos do sector forestal.