Fomento e colectivos cidadáns traballarán conxuntamente para recuperar a senda de Pontesa

Pontevedra
23 de marzo 2018

Este foi o compromiso adquirido este xoves na reunión celebrada na sede ministerial pontevedresa no barrio de San Roque

Colectivos que reclaman unha senda ciclo-peonil en Ponte Sampaio Mónica Patxot

A Xefatura provincial de Estradas do Estado do Ministerio de Fomento comprometeuse a elaborar un estudo técnico para a execución dunha senda peonil e ciclista a curto prazo sobre un tramo duns 300 metros en Pontesa. Este treito, que discorre paralelo á Nacional 550, xa é da súa propiedade o que acelerará o proceso xa que non fai falta expropiación.

Pola súa banda, os colectivos que impulsan a creación dunha senda na zona de Pontesa que permita enlazar os paseos xa existentes das Salinas de Ulló e o que une Arcade con Pontesampaio traballarán conxuntamente para poñer en valor outros 600 metros de carreiro ata completar un gran paseo de máis de cinco quilómetros.

Este foi o compromiso adquirido este xoves na reunión celebrada na sede ministerial pontevedresa no barrio de San Roque.

Agora os veciños negociarán co dono da nave de Pontesa a cesión dos terreos privados anexos á antiga fábrica de cerámica polos que discorre esta vía peonil que usaban as traballadoras ao desistir Fomento a acometer o proxecto nesta zona debido ao alto custo que tería unha expropiación.