Pontevedra vive este xoves 28 a xornada de folga no sector da automoción, convocada por CIG-Industria en toda Galicia, para denunciar a precarización e a incerteza laboral que afecta as empresas vencelladas á fabricación de vehículos, especialmente derivada da transición cara ao vehículo eléctrico.
En Pontevedra arredor de douscentos traballadores concentrábanse na praza da Peregrina ás 11.00 horas.
Anxo Lúa, secretario comarcal da CIG-Industria de Pontevedra, destacou que a folga acadou unha parada total en empresas como Trèves, o que cualificou como un "logro significativo" para visibilizar a gravidade da situación.
Pola contra, lamentou a baixa participación nas plantas do grupo Aludec, con 800 traballadores na comarca, onde "non se conseguiu sensibilizar a maioría do persoal".
David Couñago, presidente do comité de empresa de Trèves, subliñou o "éxito absoluto" na súa planta: "A produción detívose ao 100%, incluíndo os servizos auxiliares como limpeza e mantemento. A xente está preocupada pola deslocalización e a precarización que afecta ao sector".
Segundo Couñago, a repartición de produción de pezas entre Galiza e países como Marrocos ou Portugal evidencia a tendencia á externalización, unha situación que representa unha ameaza directa para o emprego local.
O contexto da folga está marcado polo impacto das transformacións no sector da automoción, coa electrificación do mercado como pano de fondo.
Para Anxo Lúa, este cambio está acompañado dun desmantelamento progresivo que inclúe Expedientes de Regulación de Emprego Temporal (ERTEs) constantes e a deslocalización de produción.
Alertou, ademais, sobre o temor de que a fábrica de Stellantis Vigo, centro neurálxico da automoción galega, poida perder competitividade se non se garante a fabricación de novos modelos que permitan manter a actividade.
Dende a CIG, consideran que a falta dun plan industrial e dunha política pública eficaz tanto por parte da Xunta como do Estado está a agravar a crise.
Anxo Lúa lembrou que dende 2007 o sector perdeu 22 empresas en Galicia.
Entre as solucións que defende a CIG e reclama á Xunta de Galicia está a creación dunha Mesa Galega da Automoción, que inclúa sindicatos, universidades e o clúster CEAGA, para deseñar un plan estratéxico que aposte pola innovación e por reter a produción en Galicia.
Outras demandas inclúen a instalación dunha planta de baterías no territorio e un marco enerxético máis competitivo que reduza custos para as empresas.
"O que están facendo Stellantis é deslocalizarse a outros puntos do planeta, vamos a perder o ser referentes neste sector da automoción; e a consecuencia de todo isto son os postos de traballo que se van perder por este motivo".
Ademais, o representante sindical explicou que a Unión Europea vai sancionar as marcas que comercialicen automóbiles a combustión a partir de 2025: "se agora mesmo o mercado está frío, vai estar máis frío dentro duns meses. Iso vai repercutir, ao final, no mesmo lado, nos traballadores", concluiu.