Pouca actividade se rexistra no campus durante este martes 24. Na Facultade de Belas Artes a cafetaría encóntrase pechada. Estudantes e profesorado decidiron sumarse á folga convocada en toda España como medida de protesta para reclamar a retirada do Decreto aprobado o pasado 30 de xaneiro polo que as universidades poderán crear graos de tres anos e ao mesmo tempo paralizar outros dous reais decretos que se encontran en tramitación e que tamén afectan ao ámbito universitario.
O apoio universitario á folga apenas ten repercusión na manifestación na rúa convocada ás 11:30 na Praza da Peregrina. Alí concéntranse, sobre todo, representantes sindicais de UGT, CIG, CC.OO. e CSI-F, ademais de membros das organizacións estudantís de Comites, Liga estudantil, Agir, SE e AU. Na marcha de protesta tamén se dan cita o concelleiro de Educación, Agustín Fernández e diversos profesores universitarios. Un deles comenta que "esta reforma é o primeiro paso para os despedimentos".
"Este goberno con respecto á educación non dixo moito pero si que o está facendo. Toda a súa política é reducir o público e facilitar o privado. Nos últimos tres anos creáronse catro universidades privadas", afirma o profesor de Economía Aplicada, Xulio Pardellas. O docente indicaba que despois de dez anos de debate sobre a reforma universitaria na que se considerou que era preferible un sistema de 4 +1 e antes de saír a primeira promoción, o ministro de Educación José Ignacio Wert decidiu cambiar o sistema por unha fórmula de tres anos de grao e dous de máster. Unha decisión que os convocantes da folga entenden que só ten como obxectivo beneficiar ás universidades privadas.
Ante a presenza de apenas un centenar de persoas na protesta, Pardellas apuntou que lamentaba a escasa presenza de alumnos tanto de secundaria coma universitarios para concluír cun "deberiamos reflexionar todos sobre isto".