Fochancas e cunetas con terra e pedras na PO-255 causan malestar en Ponte Caldelas contra a Xunta

Ponte Caldelas
13 de xaneiro 2023

Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, esixe á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade unha intervención urxente nesta estrada que une o lugar de Forzáns co municipio da Lama

Estado da estrada PO-255 en Forzáns Concello de Ponte Caldelas

Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, enviaba este venres a Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, dúas cartas reclamando a urxente intervención da administración autonómica na estrada PO-255, unha vía que une Forzáns co municipio da Lama.

Segundo relata o rexedor, a estrada atópase nun "pésimo estado de conservación e supón un constante perigo para os condutores que a diario utilizan a vía". Alerta do risco que se rexistra cando, en sentido contrario, circulan camións ou autobuses xa que a estrada autonómica presenta unha calzada reducida en determinados tramos e presenta numerosas curvas.

Na carta tamén se fai constar que este tramo presenta múltiples danos estruturais no pavimento, sucidade acumulada nas cunetas con pedras e terra que evitan a correcta circulación da auga provocando que en varios puntos as correntes de auga invadan a calzada.

Díaz lembra á Xunta que esta vía é a principal conexión entre Ponte Caldelas e os concellos da Lama e Fornelos de Montes polo que considera "imprescindible que a estrada cumpra cos criterios mínimos de seguridade para a condución". 

"É lamentable que en en pleno século XXI teñamos que sufrir estradas terceiromundistas, cun elevado risco de accidente por falta de mantemento por parte da Xunta de Galicia", indica molesto o alcalde na misiva reclamando unha "actuación de urxencia" nas cunetas e unha tramitación áxil para mellorar de maneira integral a estrada aumentando a amplitude dos carrís e creando unha senda peonil para permitir a mobilidade dos viandantes. 

Andrés Díaz advirte que, de non adoptarse medidas, "se temos que saír á rúa e manifestarnos como fixemos coa estrada de Laxoso, farémolo"