Flores, xerente da área sanitaria, discrepa dos colexios médicos e expón que o XIDE é unha "ferramenta útil"

Pontevedra
29 de marzo 2023

Nas últimas horas, o Consello Galego de Colexios Médicos solicitaba á xustiza que se anule o Plan de Xestión Integral da Demanda en Equipo (XIDE) que emprega o Sergas para xestionar a demanda de citas en centros de saúde atendendo ás doenzas dos pacientes. O xerente da área sanitaria pontevedresa considera que o sistema se basea en instrucións e na estrutura marcada polos profesionais co obxectivo de que a atención sexa máis personalizada

Sala de espera dun centro de saúde SERGAS - Xunta de Galicia

O XIDE (Plan de Xestión Integral da Demanda en Equipo) é a ferramenta que utiliza un sistema intelixente para xestionar as citas nos centros de saúde atendendo ás doenzas que manifeste o paciente. O Consello Galego de Colexios Médicos anunciou que solicitará, a través dun recurso contencioso-administrativo, a anulación desta fórmula.

Desde o organismo colexiado consideran que este sistema queda en mans de persoal de servizos xerais, sen coñecementos sanitarios, para avaliar os riscos dos pacientes. Os catro colexios médicos entenden que este persoal non debe realizar en ningún caso esta función. Alegan que o XIDE vulnera a intimidade do paciente e a garantía do secreto médico. 

José Flores, xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, manifestaba este mércores a súa discrepancia con esta postura e entende que é unha "ferramenta útil en toda Galicia" ao indicar que o XIDE permite que, unha vez que o paciente expoña o motivo da súa dor, sexa redirixido ao departamento correspondente.

Flores Arias afirmou que antes o funcionamento interno dos centros de saúde atopábase "moi medicalizado", xa que era o facultativo quen decidía se o paciente debía ser derivado a Enfermería ou a outro servizo. Por este motivo, sinala que o XIDE permite xestionar esas situacións a través de PSX (persoal de servizos xerais) seguindo as instrucións e a estrutura establecida polos profesionais. 

O xerente recoñece que non os responsables do Sergas non coinciden coa decisión dos colexios médicos e sostén que é necesario traballar nas instalacións e infraestruturas para que o servizo sexa máis personalizado.

Explicou tamén que cando se chama ao servizo de Emerxencias intervén un teleoperador, non un sanitario, que é o encargado de derivar á persoa que demanda a atención.