Fixan as novas liñas de traballo de promoción turística de Terras de Pontevedra

Pontevedra
26 de agosto 2015

Na xuntanza estiveron representados todos os concellos que integran esta mancomunidade, Pontevedra, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Campo Lameiro e Vilaboa, agás o de Cotobade

Pleno da mancomunidade Terras de Pontevedra Mónica Patxot

Avanzar nas liñas de traballo iniciadas nos últimos anos grazas ao convenio de colaboración asinado coa Axencia Galega de Turismo. É o obxectivo da mancomunidade Terras de Pontevedra que, este mércores, celebrou un pleno para aprobar as contas do ano pasado e concretar as novas accións que estarán amparadas por este convenio coa Xunta, administración que aportará este ano 60.000 euros para a promoción turística.

Na xuntanza estiveron representados todos os concellos que integran esta mancomunidade, Pontevedra, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Campo Lameiro e Vilaboa, agás o de Cotobade.

Ao seu remate, a concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, Anabel Gulías, explicou que a mancomunidade seguirá traballando na visibilidade e promoción da arte rupestre da comarca. Tratarán de promocionar os paquetes turísticos creados o pasado ano de forma que toda a xente que queira achegarse aos xacementos da comarca "teñan claro que poden pasar a noite nalgún concello, xantar noutro e comprar ou pasear noutro".

Ademais, estes concellos apostarán polo turismo accesible coa posta en marcha dun roteiro sensorial, pola promoción do comercio de proximidade ou por mellorar a sinalización e o acceso dixital aos recursos turísticos da comarca.

"Pode parecer moito pero o limitado da contía fan que sexan actuacións modestas, pero que veñen a sumar", concluíu a concelleira nacionalista.

Arquivado en