Nas obras de ampliación do estadio de Pasarón e o seu posterior sobrecusto -a súa construción pasou de 7,2 a máis de 17 millóns de euros- a Fiscalía detecta "irregularidades" pero non as suficientes para apreciar delito. Así o determina o Ministerio Fiscal que decidiu arquivar a denuncia presentada, a título persoal, polo voceiro do PSdeG-PSOE no Concello de Pontevedra, Agustín Fernández.
Segundo unha información de Marina Abilleira en páxinas de Diario de Pontevedra, a Fiscalía de Delitos Económicos entende que non hai suficientes informes técnicos que avalen a denuncia socialista e que no expediente non consta que ningún dos servizos que debían emitir o seu informe formulase reparo ningún a cada unha das resolucións administrativas que estaban postas en dúbida. En todos eles, aprecian, falta de contundencia.
A ampliación de Pasarón foi adxudicada pola Deputación á empresa Oreco en 2006 por un importe de 7,2 millóns de euros. Un ano despois, ambas as dúas partes ampliaron o presuposto en case cinco millóns de euros. Non foi a única mellora deste contrato. En total, o proxecto foi modificado ata tres veces ata que o seu custo superou os 17 millóns, un 150% máis do previsto.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ, SORPRENDIDO
Agustín Fernández mostrouse sorprendido este venres por decatarse a través dos medios de comunicación do arquivo da investigación mentres el, como denunciante, non recibiu ningunha notificación nin no seu domicilio particular nin no do partido. Esta situación motivou que no momento de comparecer ante os medios o concelleiro socialista aínda non tivera oportunidade de ler de primeira man a resolución, pero non lle impediu valorar que, na súa opinión, "o fiscal optou por unha especie de amnistía".
Agustín Fernández: "O fiscal optou por una especie de amnistía"
O concelleiro ve "certas contradicións" no escrito do fiscal, pois o arquiva a pesar de detectar irregularidades do principio ao final do proceso. Na súa opinión, dar credibilidade a determinadas manifestacións dos responsables do proxecto "é crer nos pajaritos preñados".
LOUZÁN, SATISFEITO
Tras coñecer a noticia do arquivo da denuncia, o presidente da Deputación destacou que "respetamos" a decisión do fiscal e entende que "dalgunha maneira veñen a dicir que as cousas se fixeron como estaba establecido e pensando no interese xeral desa actuación". Rafael Louzán, que acusou a Agustín Fernández de usar este asunto para "tratar de sacar rédito político", defendeu ademais a actuación dos técnicos da institución.
Louzán recordou que a coordinación e a colaboración coa Fiscalía foi "absoluta e extraordinaria" e asegurou que nunca deu orde de continuar cun expediente se un servizo da Deputación presentou un reparo suspensivo. "Iso non se deu nunca", insistiu. E neste caso afirmou que Pontevedra conta cun dos mellores estadios de Galicia grazas ao traballo ao "unísono" do ente provincial e o Concello.
Louzán: "dalgunha maneira veñen a dicir que as cousas se fixeron como estaba establecido e pensando no interese xeral desa actuación"
Pola súa banda, Bernardo Sartier, asesor xurídico da Deputación, destacou o celo co que actuou a Fiscalía neste asunto xa que "nos han mareado, en el buen sentido". Efectuáronse 14 dilixencias probatorias e acudiron a testificar catro técnicos e nove integrantes da Xunta de Goberno "y se dieron todas las explicaciones posibles".
Asegura que as irregularidades administrativas citadas polo Ministerio Fiscal son cuestións "opinables", pero que en todo caso "tomamos nota de esos defectos para que sean corregidos en futuso expedientes". Pero reiterou que de aí a consideralos ilícitos penais ou que haxa que anular estas actuacións "va un trecho".
Por último, o presidente da Deputación explicou que coa cantidade inicial na que se adxudicou a obra a Oreco "entendiamos que se podía sacar adiante", pero subliñou que durante a execución "nos topamos con problemas descoñecidos", ao que se sumou que o proxecto partía dun concurso de ideas que "había que levalo á práctica para que a instalación se adecúe á actividade que vai ter". Sexa como sexa, dixo, "os logros están aí".