A Finca das Cunchas terá "beneficio social" tras un proceso expropiatorio que Telmo Martín cualifica de "aberración"

Sanxenxo
26 de novembro 2024

O Concello de Sanxenxo completou o pago dos 13 millóns de euros que o Tribunal Supremo obrigou a abonar á familia Rocafort polos 1.750 metros cadrados de zona verde e os viarios anexos

Telmo Martín e membros do seu goberno na Finca das Cunchas PontevedraViva

O goberno municipal de Sanxenxo teno claro. Xa está a traballar para paliar os efectos da sentenza que obrigou ao Concello a pagar 13 millóns á familia Rocafort pola Finca das Cunchas, un diñeiro que a administración municipal xa abonou o pasado 23 de outubro.

Telmo Martín subliñou este martes que a ningún veciño lle pode caber a "menor dúbida" de que o executivo que preside "compensará" á cidadanía por esta "aberración", de forma que a parcela expropiada teña un "beneficio social" para todos os veciños de Sanxenxo.

"Nas zonas verdes pódense facer moitas cousas e buscaremos o que nesta contorna mellor se adapte ao disfrute e beneficio de todos", avanzou o rexedor.

O pago, que o Concello afrontou pedindo un crédito de 6,7 millóns de euros, chega tras unha longa batalla xudicial e un fallo do Tribunal Supremo que o alcalde de Sanxenxo asegura que "acatamos pero non compartimos nin compartiremos nunca".

"É un dano moi grave o que nos están facendo. Somos conscientes que isto é motivado pola especulación urbanística dos anos 70. Xa saben vostedes como estaba España nos anos 70 e o que se facía naqueles tempos. Hoxe isto non sería posible", dixo Martín.

Finca das Cunchas, en SanxenxoPontevedraViva

Son, en concreto, 1.750 metros cadrados de zona verde e os 1.212 metros cadrados dos viarios que dan acceso aos edificios que construíu no seu día a familia Rocafort.

O alcalde cifrou a expropiación en 4.300 euros o metro cadrado, un prezo que fixou o perito do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e que para el foi unha "barbaridade" porque ese prezo non se dá "nin sequera no mercado libre e moito menos nunha expropiación".

Ao entender que "unha imaxe vale máis que mil palabras", o goberno municipal quixo que os cidadáns de Sanxenxo "entendan o dano que se nos fixo", para o que pintaron raias azuis para delimitar a expropiación e instalaron un cartel explicativo.

A pesar desta situación, Telmo Martín afirmou que o diñeiro abonado por Sanxenxo está "moi lonxe" dos 47 millóns que a familia Rocafort reclamaba ao Tribunal Supremo no ano 2017, polo que defendeu que o Concello "fixo moi ben" na súa loita xudicial.

Aos antigos propietarios destes terreos o alcalde de Sanxenxo tachoulles de "insolidarios", por este proceso expropiatorio e tamén por outros asuntos "dos que hoxe non vou falar, pero que nun futuro seguramente teremos que dicir".

Telmo Martín e membros do seu goberno na Finca das CunchasPontevedraViva