Filosofía e sexualidade, tema central da nova edición da Semana Galega de Filosofía

Pontevedra
03 de marzo 2015

A Aula Castelao decidiu centrarse este ano nesta temática porque creen que ultimamente "houbo movementos que fan que sexa necesario discutir toda unha serie de puntos sobre a sexualidade que nos parecen moi necesarios na sociedade actual", segundo a súa coordinadora, Ana Regueira

Público asistente á Semana Galega de Filosofía Mónica Patxot

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá entre os días 6 e 10 de abril unha nova edición, a trixésimo segunda, da Semana Galega de Filosofía. Contará cun tema que" sabemos que vai a ser polémico, pero tamén o foron outros que escollemos no seu momento", segundo explicou a súa coordinadora, Ana Regueira. As conferencias xirarán en torno ao tema Filosofía e Sexualidade.

Tras presentar o evento ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, Ana Regueira afirmou que a Aula Castelao decidiu centrarse este ano nesta temática porque creen que ultimamente "houbo movementos que fan que sexa necesario discutir toda unha serie de puntos sobre a sexualidade que nos parecen moi necesarios na sociedade actual".

Entre eles, a coordinadora do Aula Castelao recordou que a última reforma da lei do aborto "era moi grave e agresiva coas mulleres" e que se deron numerosas situacións onde as mulleres "non podemos escoller determinadas cousas".

Ademais, Ana Regueira recordou que recentemente naceu en Galicia unha asociación de pais de nenos transexuais que "solicitan unha normalización deste tipo de prácticas", algo que tamén se analizará no seo da Semana Galega de Filosofía.

Outro dos debates que se xerará nesta cita cultural sobre se a prostitución debe ser legalizada e en que termos, xa que este colectivo critica que o mercado do sexo xere riqueza económica, estando incluído no PIB do noso país, "pero non é legal". Tamén se analizará o papel que cumpre a pornografía con respecto á nosa vida sexual e estudar como nos condiciona.

A sexualidade, recordou Regueira, é un tema "moi complexo" e na sociedade na que vivimos "é necesario pensalo e falalo".

A Semana Galega de Filosofía manterá o seu esquema habitual con conferencias matinais que estarán protagonizadas por expertos nos ámbitos científico, filosófico, sociolóxico ou antropolóxico; sesións vespertinas centradas na perspectiva galega e charlas en sesión de noite que terán un enfoque máis divulgativo.