Chega unha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" cunha orixinal proposta axeitada ao tempo de Entroido. Aproveitamos para degustar unha filloa salgada co sabor a mar que lle dá o Bonito do Norte de Conservas PESCAMAR, a especie máis cotizada dentro da familia dos túnidos.
O Bonito do Norte é un peixe azul rico en graxa saudable, xa que contén gran cantidade de ácidos graxos poliinsaturados, indicados para reducir os niveis de "colesterol malo". A esta calidade, hai que engadir os efectos beneficiosos para a saúde cardiovascular da súa presentación en aceite de oliva.
Para preparar unhas deliciosas Filloas recheas de Bonito do Norte en aceite de oliva Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
- 1 lata de Bonito do Norte en aceite de oliva Pescamar
- Media cebola
- 150 g de champiñóns
- Albáfega
- 120 g de fariña
- 2 ovos
- Un vaso de leite
- Un chisco de sal
- Aceite de oliva virxe extra
- Reladura de laranxa (opcional)
- Salsa maionesa
Elaboración:
Para preparar as filloas, mesturamos a fariña cos ovos e o sal ata que non queden grumos. A continuación, engádese o leite mentres se segue mesturando a masa. Se se prefire un sabor cítrico, pódeselle incorporar un pouco de reladura de laranxa. Cando xa está espesa e ligada a masa, déixase repousar durante unha hora aproximadamente.
Mentres agardamos, refogamos a cebola e os champiñóns, cortados en pequenas porcións, nun pouco de aceite. Cando estean cociñadas as verduras, retiramos do lume e engadimos o Bonito do Norte en aceite de oliva Pescamar, previamente escoado, e as follas de albáfega.
Ponse un pouco de aceite a quentar e fanse as filloas nunha tixola vertendo un pouco de masa. Déixase no lume ata que calle e dáselle volta. Repítese a mesma operación ata esgotar toda a mestura.
Unha vez frías, enchemos cada filloa cunha cullerada de salsa maionesa e dúas da mestura de verduras e bonito e enrolamos.