O festival 'Nos seus pés' despacha máis de mil tapas e toneladas de solidariedade no Grove

O Salnés
20 de outubro 2024

A sexta edición do evento solidario, celebrado esta fin de semana na Praza do Corgo do Grove, recadaba fondos para a ONG Proem-Aid

Festival solidario Nos seus pés no Grove
Festival solidario Nos seus pés no Grove Festival 'Nos seus pés'

Toneladas de solidariedade no Grove coa sexta edición do festival 'Nos seus pés'.

O evento arrincou o venres cun 'tapeo solidario' co que recadar fondos para a ONG Proem-Aid, reunindo a recoñecidos chefs de todo Galicia.

Comandados polo meco Javier Olleros (Culler de Pau), dobre estrela Michelín, contou con outros cociñeiros que atesouran esta distinción como Yayo Daporta (Yayo Daporta, Cambados) e Julio Soutomayor (Restaurante Nova de Ourense), pero tamén Álvaro Villasante (Paprical), Héctor López (restaurante España de Lugo), Javier González, Roberto Filgueira (O Balado) e os locais Alex Laiño (Taberna Praza) e Marcos Otero (A Fuego Tapería).

Nesta edición, explica a organización, despacháronse máis dun milleiro de tapas ao longo da tarde, maridadas con música en directo e sesións de DJ.

O festival continuou este sábado cunha sesión vermú e obradoiros e contacontos para os máis pequenos, a proxección no Concello do documental '24 millas' e unha sesión de concertos xa pola noite con Leria, The Lelli Kelly's, Playa Desmayo e DJ Rapant.

O peche chegaba este domingo no Náutico de San Vicente cunha paella realizada por Javier Olleros e a música de Adrián Trimms e Kiko & The Blues Refugees.

Festival 'Nos seus pés' no Grove
Festival 'Nos seus pés' no GroveFestival 'Nos seus pés'