Unha festa de fin de ano e un mercado artesanal amplían a programación de Nadal en Barro

Barro
10 de decembro 2024

A primeira festa de fin de ano de Barro será o 1 de xaneiro, a partir das 00:30 horas, nunha carpa preparada para a ocasión diante do Centro Cívico. O mercado, pola súa banda, será o 29 de decembro

Mercado de Nadal Peter Kraayvanger / Pixabay

Barro ten preparadas dúas novidades para ampliar a programación deseñada polo goberno municipal para festexar a chegada do Nadal.

Será unha festa de fin de ano e un mercado de Nadal, dous eventos organizados polos departamentos municipais de turismo, festas e feiras, segundo explicou o tenente de alcalde de Barro, José Sanmartín.

A primeira festa de fin de ano de Barro será o propio 1 de xaneiro, a partir das 00:30 horas, nunha carpa preparada para a ocasión diante do Centro Cívico.

A música para festexar a entrada do novo ano correrá a cargo do Dúo Prisma e o DJ Eventualive e haberá un photocall con alfombra vermella, un fotomatón, chocolate con churros e moitas sorpresas.

Tampouco faltará o servizo de bar, que será ofrecido pola Asociación Cultural A Verbena.

"A idea é crear unha ocasión especial para recibir o novo ano entre veciños e veciñas", asegura Sanmartín.

A segunda novidade das actividades navideñas será un mercado de Nadal que terá lugar o 29 de decembro, a partir das 11 horas, tamén baixo carpa diante do Centro Cívico.

Haberá postos de productos variados, dende complementos de teas africanas, da India ou Turquía, ata doces, marmeladas ou chocolates, xabóns e candeas ou ganchillo e peluches.

O mercado de Nadal será complemento do habitual mercadiño ambulante dos domingos que, a partir das catro da tarde, estará no seu lugar habitual na contorna da Crega.