Festa en Vilaboa para inaugurar os novos asadores homologados do Lago de Castiñeiras

Vilaboa
11 de setembro 2022

Arredor de 150 persoas acudiron este sábado ao Lago de Castiñeiras para festexar coa Comunidade de Montes de San Martiño a inauguración dos novos asadores. Trátase dun servizo autorizado pola Xunta para ser utilizado nos meses de verán, época en que está prohibido utilizar os pequenos asadores de pedra distribuídos polo recinto  

Festa de inauguración do asador do Lago de Castiñeiras Comunidade de Montes de Vilaboa

Arredor de 150 persoas acudiron este sábado ao Lago de Castiñeiras para festexar coa Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa a inauguración dos novos asadores construídos neste espazo natural.

Comuneiros e convidados gozaron dun menú a base de churrasco, empanada e rosca, todo de balde a cargo da organización.

Esta xornada festiva estivo amenizada con música tradicional e popular que xurdiu de forma espontánea por parte dos propios comuneiros.

O Asador do Lago é un proxecto aprobado pola asemblea da Comunidade de Montes de San Martiño en 2018 e construído en 2019, pero que non puido inaugurarse ata agora porque viviu tres anos de burocracias para a súa legalización definitiva.

O presidente da Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa, José Luis López, manifestou a súa satisfacción incidindo en que "é un servizo autorizado pola Xunta de Galicia para ser utilizado nos meses de verán, época en que está prohibido utilizar os pequenos asadores de pedra distribuídos polo recinto do Lago de Castiñeiras".