Festa e reivindicación polo Día internacional da Síndrome de Down

Pontevedra
21 de marzo 2017

Este martes conmemórase o día internacional da Síndrome de Down e a Pontevedra tocoulle organizar os actos para toda Galicia

Conmemoración do Día internacional do Síndrome de Down Mónica Patxot

Este martes conmemórase o día internacional da Síndrome de Down e a Pontevedra tocoulle organizar os actos para toda Galicia.

A Praza da Pedreira foi o escenario escollido pola Federación Down Galicia e por Down Pontevedra "Xuntos" para conmemorar esta data co lema escollido de "Incluír é construír". Foi un acto festivo e reivindicativo xa que os participantes reclamaron, un ano máis, os seus dereitos e defenderon a riqueza dunha sociedade diversa e plural. "A sociedade debe respectar a cada persoa porque todos temos as nosas virtudes e os nosos defectos. Iso é precisamente o que nos fai diferentes e iguais ó mesmo tempo", proclamaron.

Os encargados de conducir o acto institucional foron Ángeles Sabarís e Pedro García, mentres que Miguel Pérez foi o encargado de dar lectura ao Manifesto pola Autonomía Persoal. Todos eles, membros de Down Pontevedra "Xuntos" fixeron fincapé en que queren "que a xente comprenda que a diversidade nos fai medrar como sociedade e que nos fai ser mellores".

No acto tamén interviñeron o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a deputada de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra, Digna Rosa Rivas Gómez; e os presidentes de "Xuntos", Manuel Pérez Cabo, e de Down Galicia, Delmiro Prieto González.

O presidente de Down Galicia aproveitou a primeira parte da súa intervención para poñer de manifesto a necesidade de que o marco legal estatal se axuste máis á Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade aprobada polas Nacións Unidas en 2006. Neste sentido, aproveitou a presenza institucional dos representantes autonómicos e municipais para solicitar implicación ante estas cuestións, ao tempo que agradeceu toda a colaboración recibida para poñer en valor as capacidades das persoas coa síndrome de Down e facelas máis visibles.

Pola súa parte, o presidente de "Xuntos", Manuel Pérez Cabo, lembrou que neste día tamén se conmemora o XXV aniversario da súa asociación e fixo fincapé en que "o camiño percorrido foi longo e non sempre cómodo"

PREMIOS DOWN GALICIA

Down Galicia entregou, nesta edición, os IV Premios Down Galicia, que teñen por obxecto recoñecer o labor a prol da promoción da autonomía e igualdade das persoas coa síndrome de Down, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares.

O premio na categoría institucional foille concedido ó IES Montecelo pola traxectoria amosada ó longo dos anos no apoio á inclusión do alumnado coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual e pola colaboración continua do profesorado dos seus ciclos formativos cos programas e actividades que Xuntos leva a cabo. Mentres, na categoría de persoa particular, o galardón foille concedido a Ángel Barreiro García, "pola súa continua e inestimable axuda e colaboración" para a realización da gala anual da asociación desde os seus inicios.

O premio consiste nun recoñecemento simbólico e na entrega dunha figura representativa da imaxe Down realizada polo artesán galego Fernando Porto.