Festa dos Maios a cuberto con reinado de Campañó

Pontevedra
01 de maio 2024
Actualizado: 17:57

A Asociación Cultural e Deportiva de Campañó logrou cinco galardóns: o primeiro premio nas categorías de Maio e Cantigas e o Premio Especial Maios; o segundo no premio á Coroa e o cuarto en Interpretación. Maio de Figueirido estreouse este ano na festa e logrou o Especial do Xurado

Celebración da Festa dos Maios 2024 na Ferrería Cristina Saiz

A Asociación Cultural e Deportiva de Campañó reinou este 1 de maio na tradicional Festa dos Maios de Pontevedra que este ano tivo que celebrarse a cuberto pola choiva, pero conservou a súa vistosidade e humor

Este colectivo de Campañó logrou cinco galardóns, tres deles principais. Así, levou o primeiro premio nas categorías de Maio e Cantigas e o Premio Especial Maios e quedou de segundo no premio á Coroa e de cuarto en Interpretación.

Debaixo da carpa instalada na praza da Ferrería congregáronse este ano seis agrupacións, unha delas, de estrea. Trátase de Maio de Figueirido, un colectivo procedente do veciño concello de Vilaboa que, neste primeiro ano, xa marchou para a casa cun premio, o Especial do Xurado

Na categoría de Maio, ademais do primeiro premio de Campañó, levaron recoñecementos o CEP Marcos da Portela (2), o Maio de Marcón (3) e o CEP Campolongo (4). 

Na categoría de Cantigas, repetiron premiados, pero non orde. O primeiro premio foi para Campañó, o segundo para o CEP Marcos da Portela, o terceiro para o CEP Campolongo e o cuarto para o Maio de Marcón. 

Na categoría de Interpretación, o primeiro premio foi para o CEP Campolongo e tamén gañaron o CEP Marcos da Portela (2), o Maio de Marcón (3) e a ACD Campañó (4). 

Na categoría de Coroa, o primeiro premio foi para o CEP Marcos da Portela e tamén gañaron a ACD Campañó (2), o Maio de Marcón (3) e o Maio San Xulián de Marín (4). 

Os primeiros premios están valorados en 350 euros, os segundos reciben 300, os terceiros gañan 250 e os cuartos levan para a casa 100 euros. O Premio Especial Maios ten unha figura e o Premio Especial do Xurado, 300 euros. 

A poeta Cynthia Menéndez abriu o acto, que comezou con atraso este ano, cun poema de Luísa Villalta e a Banda de Gaitas e Danzas O Son da Pedra pechou a festa. 

CONTRA A A-57 

Integrantes da plataforma de afectados polo segundo tramo da autovía A-57 acudiron á festa para amosar o rexeitamento ao proxecto nas parroquias de Bora e Xeve e repartiron entre as persoas alí presentes unha cantiga reivindicativa elaborada para a ocasión.  

Ademáis de entregar copias da composición, membros da plataforma explicaron aos asistentes aos Maios os inconvintes do trazado, que conta co rexeitamento de todos os grupos políticos das corporacións local e provincial.