Festa dos Callos en Forzáns con homenaxes e reencontros

Ponte Caldelas
06 de xuño 2022

A Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns aproveitou a celebración da Festa dos Callos para homenaxear ao doutor Manuel Carrera, recentemente xubilado, e ao historiador e arqueólogo Buenaventura Aparicio. Tamén houbo un especial agradecemento a Carnicería Cándido de Ponte Caldelas pola súa colaboración dende hai 16 anos

Equipo de cociña da Festa dos Callos de Forzáns Cultural de Forzáns

A Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns aproveitou a celebración da Festa dos Callos para homenaxear ao doutor Manuel Carrera, recentemente xubilado, e ao historiador e arqueólogo Buenaventura Aparicio.

Ademais, no transcurso deste evento de exaltación gastronómica dos callos, a veciña de Tourón Lucha Valladares regaloulle á Cultural de Forzáns un cadro pintado a man por ela mesma que ten como motivo inspirador a igrexa parroquial de San Pedro Fins de Forzáns. A obra foi pendurada no salón principal do Centro Sociocultural.

A pesar do parón destes dous anos de pandemia sen poder celebrar a festa, a organización da Festa de Exaltación Gastronómica dos Callos sinala que o evento volveu contar cunha afluencia total de comensais que completaron o aforo dispoñible no Centro Sociocultural de Forzáns.

Nesta ocasión, os callos foron preparados ao estilo da zona por Irene Dasilva, Columba Álvarez e Teresa Covelo.

Os produtos galegos de calidade empregados na preparación deste prato tan apreciado na comarca do Verdugo-Oitavén foron adquiridos en Carnicería Cándido, da Praza de Abastos de Ponte Caldelas, rexentada por Felipe Ventín, como unha aposta polo comercio local.

Despois do xantar, os asistentes á Festa dos Callos de Forzáns puideron elixir pasar a sobremesa gozando ao ritmo do Dúo Marema ou emprender un paseo ata o río Oitavén e coñecer os muíños e as paraxes naturais que están ameazadas pola posibilidade de que se constrúa no futuro un encoro, de prosperar a proposta do estudio da Confederación Hidrográfica Miño-Sil que ten provocado as mobilizacións sociais e o nacemento da Plantaforma "Encoro Non".

As reivindicacións contan co apoio activo da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns e outros 115 colectivos veciñais, comunidades de montes e ecoloxistas, entre outros.

XORNADA DE HOMENAXES

O encontro veciñal foi aproveitado pola directiva da Asociación Cultural O  Torreiro de Forzáns para homenaxear ao doutor Manuel Carrera, que despois de máis de 30 anos de servizo e atención sanitaria ininterrumpida aos veciños desta parroquia acadou a súa xubilación.

Tamén recibiu un recoñecemento público o doutor en Historia e arqueólogo Buenaventura Aparicio Casado, divulgador e defensor da arte rupestre no municipio e un dos principais expertos en petróglifos de toda a Península Ibérica. O investigador mantén un vencello especial co municipio de Ponte Caldelas, con estudos sobre a Área Arqueolóxica de Tourón; a Pedra do Cervo, de Cuñas; a Laxe da Irena, Parada; a Laxe do Barón; e o Castro de Pena Redonda, en Forzáns.

Así mesmo, houbo un especial agradecemento a Cándido Garrido e Carmen Ventín, así como ao seu fillo Felipe, pola colaboración a través de Carnicería Cándido nos eventos gastronómicos que organiza desde hai 16 anos a entidade veciñal.