"Pontevedra va camino de convertirse en el nuvo Ferrol". Esta frase, pronunciada polo portavoz do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, para alertar sobre as consecuencias que tería a saída de Ence de Lourizán, non gustou nada na cidade departamental.
O alcalde de Ferrol foi contundente. Esixe unha "inmediata rectificación" a Domínguez ante o que considera un "ataque gratuíto" á súa cidade. O socialista Ángel Mato cre que o seu foi un comentario "ofensivo" e que está "totalmente fóra de lugar".
Ademais, Mato reclama a Alberto Núñez Feijóo, como máximo responsable dos populares galegos e como presidente da Xunta, que "censure" o dito polo seu portavoz en Pontevedra.
Esta mesma petición fai ao secretario xeral do PP en Galicia, Miguel Tellado, de orixe ferrolá, ao que o rexedor apela para que demostre que "non comparte de ningunha maneira" unhas declaracións que, segundo reitera, son un "menosprezo" a toda a cidade de Ferrol.
Ángel Mato demanda para Ferrol "o respecto que se merece en todos os sentidos".
En canto aos problemas que padece Ferrol, engade o seu alcalde, o PP "non pode botar balóns fóra", tras lembrar que gobernou na cidade, en Galicia e en Madrid "cun resultado para vista de todos" e destaca que "non foi precisamente no século pasado".
As declaracións de Rafa Domínguez tamén xeraron numerosas críticas nas redes sociais, especialmente entre os habitantes de Ferrol, moitos dos cales empregaron as súas contas para censurar o portavoz popular ou ironizar sobre as súas palabras.
Ferrol, praza do Inferniño 2021.
— Davit (@Super_Centolo) March 3, 2021
Fotografía de: David H.G. https://t.co/7wPA5fP1dMpic.twitter.com/EILnzlMEQx