Fernando Molina, un enxeñeiro forestal que vai a pé ata o Concello para celebrar os seus 100 anos

Pontevedra
05 de marzo 2018

O ex director da Escola de Capataces de Lourizán cumpre este luns 100 anos e continúa traballando no que lle apaixona, os bosques galegos

Fernando Molina celebra os seus 100 anos no Concello María López

Natural de Pravia (Asturias), Fernando Molina Rodríguez hoxe cumpre 100 anos. Chegou a Pontevedra hai máis de 70 anos, tras pasar 14 en Madrid. En agosto de 1947, incorporouse ao servizo militar como funcionario do Instituto de Investigacións Forestais de Lourizán, onde foi o primeiro director. Tras xubilarse pasou a ser o presidente da Asociación Forestal de Galicia, ata o ano 2000.

Na mañá deste luns, el mesmo acudiu andando ao Concello para reunirse co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, quen quixo facerlle unha homenaxe. Obsequiouno cun ramo de rosas e un pin conmemorativo do Concello.

O enxeñeiro de montes continúa facendo o que lle gusta, ler e escribir. Actualmente, sentado no seu despacho, traballa nun artigo acerca da dificultade que supón levar o sector forestal á administración pública. Reflexiona acerca da riqueza forestal de Galicia, os intereses que xera e os problemas que isto orixina. 

Falador e riseiro, Fernando atendeu a todas as preguntas cunha viveza admirable. Está contento de seguir gozando xunto coa súa muller Margarita do clima pontevedrés que, sinala, é unha sorte.