Unha muller resultaba ferida no sinistro ocorrido na PO-303 ao seu paso por Xil, no municipio de Meaño, durante a tarde deste luns 17 de marzo.
O sinistro rexistrábase concretamente no cruzamento cara a Barrantes, onde chocaron frontolateralmente un turismo e un taxi.
Como consecuencia do impacto, a condutora, identificada como P.P.C., tivo que ser evacuada ao Hospital QuirónSalud de Pontevedra para recibir atención médica.
No operativo deste primeiro accidente participaron, ademais do Servizo de Emerxencias de Cambados, efectivos da Policía Local de Meaño, unha ambulancia do 061, a Garda Civil de Tráfico e Emerxencias Sanxenxo.

O segundo incidente na comarca do Salnés durante a tarde deste luns ocorría na Avenida de Galicia, no centro urbano de Cambados.
No accidente víronse implicados un autobús escolar que circulaba sen pasaxeiros e un turismo.
Neste caso non se rexistraron feridos. A Policía Local colaborou co Servizo de Emerxencias de Cambados nos labores de asistencia e regulación do tráfico na zona.
Estes sucesos súmanse ao tráxico accidente que tiña tamén lugar nas últimas horas na comarca do Salnés cando unha muller de 89 anos falecía en Ribadumia tras un sinistro no que se viron implicados un autobús e dous turismos.