Fenosa inicia as obras para poder dar luz a todo Barro desde a subestación de Curro

Barro
06 de outubro 2020

Con esta conexión á subestación existente no polígono de Curro, Barro disporá dun dobre circuíto que garantirá a subministración en todo o municipio, xa que calquera incidencia que se produza pode resolverse de forma inmediata ao ter unha alternativa de servizo

Reunión do alcalde de Barro con responsables de Unión Fenosa Concello de Barro

Todos os veciños de Barro recibirán a subministración eléctrica desde a subestación de Curro no caso de que se avaríe a actual situada en Tivo. Así será cando Unión Fenosa remate as obras de mellora da rede que, segundo a compañía, comezarán esta mesma semana.

Esta actuación permitirá acabar cos cortes que se producían na rede de Barro, segundo garanten os responsables da empresa.

Con esta conexión á subestación existente no polígono de Curro, Barro disporá dun dobre circuíto que garantirá a subministración en todo o municipio, xa que calquera incidencia que se produza pode resolverse de forma inmediata ao ter unha alternativa de servizo. 

As obras que vai a executar Unión Fenosa, por un importe aproximado de 136.000 euros, consisten nunha nova liña de media tensión soterrada dende a subestación de Barro ata as inmediacións da AP-9 para conectarse na liña principal que discorre polo municipio.

Esta liña ten unha lonxitude 2.500 metros, dos cales 1.500 son de canalización soterrada nova e os 1.000 restantes van discorrer polas canalizacións xa existentes no polígono.

O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, agarda que estas obras para conseguir a dobre conexión eléctrica para todo o concello permitan que calquera tipo de avaría "se poida solucionar de forma inmediata" e que os veciños de Barro "poidamos gozar dun servizo eléctrico de mellor calidade que o actual".