O rei Felipe VI acudirá o vindeiro sábado día 16 a Marín para presidir os actos de Xura de Bandeira e entrega de Despachos na Escola Naval con motivo do Día do Carmen.
O Concello de Marín recibiu a confirmación desta visita, da que o Ministerio de Defensa aínda non informou polo que se descoñece se estará acompañado da raíña Letizia.
No ano 2019 foi a última vez na que Felipe VI acudiu á Escola Naval, aínda que non foi a última ocasión na que estivo en Marín xa que o pasado 18 de marzo asistiu ao funeral conxunto polos 21 mariñeiros falecidos no naufraxio do pesqueiro Villa de Pitanxo.
A visita do monarca á Escola estará precedida pola chegada do buque escola Juan Sebastián Elcano, prevista para o vindeiro martes, día 12 tras unha breve escala en Baiona. Permanecerá atracado en Marín ata o domingo 17 de xullo.