Como marca a tradición, o rei Felipe VI non faltou á cita e este xoves inaugurou a quinta edición do Foro La Toja-Vínculo Atlántico, que se celebra na illa da Toxa, no Grove.
Fíxoo no medio dunha gran expectación e tras ser recibido pola ministra de Xustiza, Pilar Llop, ou o presidente do Grupo Hotusa, Amancio López Seijas, organizador deste foro de debate ao que falta por primeira vez, debido ao seu recente falecemento, o seu impulsor, Josep Piqué.
O nome do creador deste foro figura no premio que, nesta ocasión, recaeu nas mulleres afgás, en recoñecemento á loita polos seus dereitos desde que o réxime talibán volveu facerse co control do país, limitando a participación das mulleres.
O premio recolleuno de mans do monarca a presidenta da asociación de mulleres afgás en España, Sunita Nasir, que pediu máis apoio da comunidade internacional ante a represión que viven as mulleres en Afganistán e cuxas vidas cambiaron de modo "irreversible".
"Moitas nos vimos forzadas a deixar a nosa familia, traballo e país, o que provoca un profundo sentimento de tristeza", subliñou Nasir, que reclamou máis oportunidades para que as mulleres afgás contribúan á sociedade e sexan economicamente independentes.
Na súa intervención, que iniciou dirixíndose ao público en galego, Felipe VI reivindicou o papel que debe xogar o "optimismo y confianza" como o primeiro paso para avanzar cara a unhas sociedades "más libres, integradas y prósperas".
A iso sumou a necesidade de reflexionar e apostar pola vontade de "entender distintos puntos de vista", como se mostran neste foro de encontro e debate, para contribuír a consolidar as aperturas sociais a ambos os dous lados do Atlántico.
Nesta quinta edición do Foro La Toja-Vínculo Atlántico abordaranse, entre outros temas, os retos da globalización, os avances da intelixencia artificial, a nova xeopolítica mundial ou o papel de España no mundo.