Felipe VI acompaña en Marín os novos oficiais da Armada, xusto trinta anos despois da súa propia 'graduación'

Marín
16 de xullo 2019

O Rei Felipe VI presidiu en Marín a entrega de reais despachos a 92 novos oficiais da Armada, tres deles mulleres, que completaron a súa formación na Escola Naval Militar. Este acto coincidiu co trixésimo aniversario da súa propia 'gradación' deste centro militar

O rei Felipe VI preside a entrega de despachos na Escola Naval

Vinte anos non é nada… cantaba Carlos Gardel no seu aclamado tango Volver. E trinta, pensaría este martes o Rei Felipe VI, tampouco. Porque xusto hai tres décadas, o 16 de xullo de 1989, o agora monarca desfilaba pola chaira da Escola Naval de Marín. Igual que fixeron hoxe baixo a súa atenta mirada 92 novos oficiais da Armada.

Todos eles, entre os que se atopaban só tres mulleres, completaron a súa formación na Escola Naval e, do mesmo xeito que Felipe VI hai trinta anos de mans do seu avó don Juan de Borbón, conde de Barcelona, recibiron o seu correspondente real despacho de alférez de navío ante a emoción e os aplausos dos seus amigos, compañeiros e familiares.

Felipe VI, que foi recibido polo xefe do Estado Maior da Armada, o almirante xeral Teodoro López Calderón, chegou con puntualidade a Marín para presidir esta entrega de despachos e a xura de bandeira dos alumnos de primeiro curso deste centro, do cal o monarca foi alumno durante catro meses.

A este respecto, o comandante director da Escola Naval, Ignacio Cuartero, lembrou que a Escola Naval e a vila de Marín "guardan el recuerdo" da "vocación y afición" do monarca "por las cosas de la mar", un recordo que segundo o responsable deste centro militar está "especialmente vivo hoy" por este trixésimo aniversario. 

Tras pasar revista ao batallón de alumnos da Escola Naval, o Rei Felipe VI contemplou a xura de bandeira de 65 alumnos, entre eles sete mulleres, que bicaron a insignia nacional e pasaron por baixo dela, como símbolo de que España "acepta o seu compromiso".

Entre os 92 novos oficiais que recibiron o seu despacho, o monarca impuxo a condecoración da cruz ao mérito naval con distintivo branco a oito alumnos, entre eles o alférez de navío Santiago Cuartero Mariño, que recibiu de mans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, un sabre de oficial como número 1 da súa promoción.

A metade destes novos oficiais da Armada, un total de 46, ademais do despacho recibiron o seu título de grao en Enxeñería Mecánica pola Universidade de Vigo, estudos que se imparten no Centro Universitario de Defensa con sede na Escola Naval de Marín.

Tras o desfile dos novos oficiais baixo a bandeira, o comandante director da Escola Naval pronunciou un discurso no que destacou o "transcendental compromiso" adquirido polos alumnos que os vincula "de por vida" á defensa da soberanía e independencia de España, da súa integridade territorial e do ordenamento constitucional.

Todos asinaron hoxe a "primera página de vuestro particular cuaderno de bitácora", sinalou Ignacio Cuartero, ingresando como oficiais nunhas forzas armadas "modernas y altamente tecnificadas" e conxugando a tradición militar coa súa adaptación a unha sociedade que cambia "con asombrosa velocidad" e a escenarios "cada vez más complejos".

O acto concluíu, como é tradición, coa homenaxe aos caídos, a interpretación do himno da armada e o desfile do batallón de alumnos pola chaira do centro.

Con motivo deste acto, que coincide co Día do Carme, patroa da Armada, no peirao da Escola Naval atracaron o buque escola Juan Sebastián de Elcano, a fragata Blas de Lezo e o patrulleiro Tabarca.

Máis de tres mil invitados, repartidos en sete bancadas e dúas máis para autoridades, asistiron á entrega de reais despachos que, ademais do monarca, contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; a alcaldesa de Marín, María Ramallo; ou o subsecretario de Defensa, Alejo de la Torre.

Ademais, entre as autoridades, atopábanse tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; o presidente da Audiencia de Pontevedra, Francisco Javier Menéndez Estébanez ou os deputados de PP e Cidadáns no Congreso, Diego Gago e Beatriz Pino.