Felicitacións e premios para o traballo a prol da lectura da biblioteca de Moraña

Umia
21 de novembro 2024

O subdelegado do Goberno felicitou ao equipo responsable da biblioteca polo traballo. O centro conta con 5.000 volumes e unha alta taxa de préstamo. Acaba de recibir o Premio María Moliner

Visita de Abel Losada á biblioteca municipal de Moraña Subdelegación do Goberno en Pontevedra

A biblioteca municipal de Moraña recibiu este xoves a visita e as felicitacións do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada. 

Felicitou a este espazo polo traballo a prol da lectura realizado e tamén polo premio que acaban de recibir, o María Moliner do Ministerio de Cultura.

Losada visitou este espazo xunto ao alcalde, José Luis Gómez; aos concelleiros Xoel Vázquez, Míriam Portas e Aberto Caldas; á responsable da biblioteca, María Luisa Ameal; e á monitora de servizos á comunidade, Cruz Magán. 

O subdelegado do Goberno felicitou ao equipo responsable da biblioteca polo traballo. O centro conta cuns 5.000 volumes para os 4.000 habitantes que residen na vila.

Cunha alta taxa de préstamo, a biblioteca mantén unha importante actividade dinamizadora, recoñecida agora polo Ministerio.

O premio María Moliner de animación á lectura organízao anualmente o Ministerio en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias e busca recoñecer o traballo de 370 bibliotecas pertencentes a municipios de menos de 50.000 habitantes que leven a cabo proxectos salientables que inclúan accións de animación á lectura, de eficiencia e labor bibliotecaria. integración social e uso de novas tecnoloxías

Cada un dos galardóns está dotado de 2.777,77 euros que deberan dedicarse á compra de novos libros ou publicacións para a biblioteca.

Ademais da biblioteca de Moraña, outras tres da provincia -Soutomaior, Tui e Pazos de Borbén- foron premiadas na última edición destes premios.