Por segundo día consecutivo, a campaña electoral de Alberto Núñez Feijóo fixo parada na comarca. Tras o mitin celebrado en Marín, esta vez o candidato popular mantivo un encontro con militantes e simpatizantes en Pontevedra. Foi na finca Batacos.
Arroupado polos seus, Núñez Feijóo pediu a todos os galegos que acudan a votar o próximo domingo " para que gañe Galicia e a democracia" e lamentou as posicións dos partidos que "alentan o medo" para incrementar a abstención.
Na súa intervención, o candidato do PP á reelección defendeu "o entendemento, a moderación e a unidade" fronte a aqueles que "prefiren os enfrontamentos, as posicións intransixentes e as divisións".
"Se hai catro anos, Galicia preferiu estabilidade a un multipartito, agora hai máis razóns para votar estabilidade que un multipartito de aínda máis partidos", apuntou Feijóo, quen engadiu que os galegos saben que no seu goberno hai "responsabilidade, xestión e decisións".
A este respecto, o líder dos populares galegos avogou por unha Galicia que "teña claras as súas prioridades", entre as que citou a saúde, o emprego, a recuperación económica e o benestar, en lugar dunha "na que os intereses cativos traten de impoñerse sobre o beneficio común".
Chegado a este punto, Alberto Núñez Feijóo recordou que, nos anos de crise, Galicia deu unha "lección de superación" e volveu crear emprego, igual que nestes meses de pandemia, deu unha "lección de responsabilidade e solidariedade".
Tras insistir en que o futuro necesitará da implicación de todos, Núñez Feijóo asegurou que sempre tentará convencer "con argumentos, xestión, responsabilidade e coa verdade e co cumprimento do deber" e non basearse en "descualificacións nin en loitas partidistas".
"Pido o voto para construír e non destruír, para unir e non separar, para sumar e non restar", finalizou o presidente do Partido Popular en Galicia.
No mitin, entre outras autoridades, tamén participou Alfonso Rueda, que centrou a súa intervención na mensaxe de "non caer no exceso de confianza" nin que os galegos "se deixen convencer" por quen cuestiona a seguridade dos colexios electorais.
O presidente do PP de Pontevedra, número 3 de candidatura popular pola provincia, garantiu que ir a votar o domingo será "completamente seguro", entre outras cousas, polos protocolos de seguridade aprobados polo goberno galego.
"Cando un ten interese en insinuar que é mellor non ir a votar ao colexio electoral o domingo, é porque xa está intuíndo que non lle vai a ir ben", asegurou Rueda.
O dirixente do PP incidiu ademais na idea de que, ante o momento no que nos encontramos, "hai que elixir aos mellores" e aos que, como os populares, ofrecen un goberno "estable e con experiencia" porque gobernar, engadiu, "non pode ser un máster para ninguén".
"O voto a Feijóo representa a todos os que queremos unha Galicia estable e fiable", destacou o presidente dos populares pontevedreses.