Apenas 24 horas despois da súa investidura como presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo desvelou a composición do seu goberno no que, xunto cun marcado carácter continuista, destaca os cambios nas consellerías de Sanidade e Educación en plena pandemia da COVID-19.
Jesús Vázquez Almuíña e Carmen Pomar, responsables destas dúas áreas, son as únicas dúas baixas do executivo de Núñez Feijóo, no que repetirán nove conselleiros, entre eles o pontevedrés Alfonso Rueda, que segue como vicepresidente da Xunta e responsable da área de Presidencia e Xustiza, competencias ás que suma Turismo.
O departamento de Educación desaparece e fusiónase con Cultura baixo o mando de Román Rodríguez, que tamén sae reforzado na reordenación de competencias.
Pola súa banda, Francisco Conde, conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, 'ascende' a vicepresidente segundo do goberno galego e convértese no home forte do executivo de Núñez Feijóo en materia económica.
Este reforzo do perfil económico da Xunta de Galicia complétase cunha consellería de nova creación, a de Emprego e Igualdade, que estará a cargo da coruñesa María Jesús Lorenzana, unha das dúas caras novas do novo goberno.
A outra incorporación é a de Julio García Comesaña, ata o de agora xerente da área sanitaria de Vigo, que pasa a ser o novo conselleiro de Sanidade.
O resto do cuarto gabinete de Feijóo non sofre cambio algún e, desta maneira, Ethel Vázquez repite como conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, mentres que a área de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda seguirá baixo o mando de Ángeles Vázquez.
José González e Rosa Quintana continuarán como responsables de Medio Rural e Mar respectivamente, igual que Fabiola García, que seguirá á fronte da área de Política Social. Valeriano Martín, conselleiro de Facenda, sumará a partir de agora as competencias do departamento de Administración Pública, que herda de Alfonso Rueda.